2023 en 50 discos (IV)
Do 20 ao 11: Mitski, Jessie Ware, Romy, Peter White, Fever Ray, Rodrigo Cuevas, bar italia, Blondshell, Copa Turbo, Wednesday
Vén de:
(Este post sale un pouco máis tarde do previsto por complicacións loxísticas derivadas dos compromisos destas datas. Agardo que puidésedes sobrevivir sen recibilo ata agora e que esteades a pasar unhas felices festas)
Últimos vinte discos. O camiño de todo un ano e o traballo de todo o mes para chegar ao penúltimo episodio desta eterna lista, da que presentarei os derradeiros dez álbumes a próxima fin de semana. Son discos fundamentales para entender o que foi este 2023 para min e a orde na que aparecen non é tan importante como o que me teñen aportado neste tempo. Hai de todo, porque en doce meses hai tempo a necesitar de diferentes estímulos para situacións diversas. Vou xa con eles.
20. Mitski - The Land Is Inhospitable and So Are We
Ata este ano renegaba bastante de Mitski. Pero ás veces hai que simplemente renderse ante a evidencia. Laurel Hell e Be the Cowboy son discos aclamadísimos, nos que nunca atopei a forma de entrar neles e que me atraparan. Este The Land Is Inhospitable and So Are We (outro título que te derrota antes de que opoñas resistencia) si me conquistou. Pode parecer unha trapallada, pero penso que lle axudou que se publicara un 15 de setembro. O folk de Mitski sintetiza a esencia do outono en forma de música. Tece unha atmosfera na que deixarse levar mentres as letras das cancións impactan coma balas de canóns. A fórmula varía o suficiente (cancións máis espidas, outras orquestais) para non cansar ao longo da viaxe, que é toda unha tormenta de emocións entre temas como o alcolismo, a depresión, a morte, o amor e o desamor, a relixión, a vida enteira. Un disco para quentar o corazón nos días fríos ou para encoller a respiración de tanto en tanto. E do que ata saliu un éxito viral en TikTok como ese ‘My Love Mine All Mine”.
Bótalle un ollo a: ‘Buffalo Replaced’. Non sabería explicalo, mais a cadencia da voz de Miski neste tema ten algo que me hipnotiza.
19. Jessie Ware - That! Feels Good!
Mi fábrica de baile no cabe en tu corazón pequeño. É unha cousa bárbara o da transformación de Jessie Ware nunha emperatriz do baile e da festa. Supoño que este disco pode sorprender menos a quen xa desfrutara do What's Your Pleasure en 2020, pero eu andaba despistado e tamén descubrín ese álbum este ano. Doble ración de temazos disco e pop, doble desfrute (e percepción pode que un pouco alterada, non o nego). Nesta última entrega, Jessie Ware ofrece unha colección de cancións difícil de igualar e máis aínda de mellorar. Xa só os primeiros trinta ou corenta segundos de ‘That! Feels Good!’ sentan as bases do que está por vir. Murmurios, xogos ca sexualidade e, cando entra a música, unha base funkie que deixa o cú torcido. Benvidos sexan os excesos estéticos e musicais dos 80 se aínda a día de hoxe contribúen a moldear traballos coma este. E, se nalgún momento pode xurdir algunha dúbida, sempre aparece ese lema de “Shake it 'til the pearls fall off” para despexalas.
Bótalle un ollo a: ‘Free Yourself’. Un himno total de liberación. A canción para poñer patas arriba calquera festival, o pub máis próximo ou para encabezar as marchas do Orgullo. Keep on moving up that mountaintop.
18. Romy - Mid Air
Aparece aquí, pero este disco estivo varias semanas subido ao podio de publicacións que máis me fliparon este ano e quedou moi preto de entrar no top 5 desta lista. O primeiro álbum de Romy (The xx) en solitario é unha aproximación contemporánea á pista de baile. Nótase moito a man do amigo Fred Again.., que como produtor axuda a convertir este Mid Air nunha colección de temas para rebentar calquera garito de noite entre nubes de fume e luces de cores. Dende a inicial ‘Loveher’ que parte íntima e case espida ata convertirse nun hit absoluto de house. Romy non precisa acudir á experimentación e a complexidade para entregar un dos traballos máis rotundos deste 2023. Non quere dicir isto que as cancións sexan obvias ou carezan de arestas (hai altos e baixos, coma en todas partes), senón que o impacto de disco é instantáneo. Pés petando no chan con ‘Weightless’, cabezas e ombreiros que van perdendo a vergonza con ‘The Sea’. Para ‘One Last Try’ todo o corpo está a bailar con algunhas das melodías máis exquisitas do electropop recente. E queda máis da metade de Mid Air. Queda ‘Strong’, unha canción tan grande, tan masiva, que podería ter conquistado o mundo (e non entendo por que non o fixo).
Bótalle un ollo a: ‘She's On My Mind’. Sempre hai tempo para unha máis. Unha copa, unha canción, unha conversa. Despois de media hora entregando temazo tras temazo, Romy pecha Mid Air cunha canción puramente disco. Sexual (“She's on my mind / But I wish she was under me”), elegante, chea de groove. Na que habitar ata que prendan as luces e toque volver á casa.
17. Peter White - Acqua e Zucchero
Se o concepto guilty pleasure ten aínda algún tipo de validez ou sentido a estas alturas debe ser por traballos coma este. Peter White é o nome artístico de Pietro Bianchi, un rapaz italiano que, na súa música, xoga a ser unha especie de versión transalpina de Alizzz, na concepción máis ampla imaxinable desta comparación. Fanfarronería, poses propias do Cayetano promedio entre iates, guitarriñas e camisas de liño en cores pastel con tres botóns abertos. Un pop meloso que debería espantarme e, coma se fora un polo magnético oposto, consigue todo o contrario: atraerme sen que me consiga despegar. Non sei cantas veces lle din ao play a este Acqua e Zucchero nestes últimos meses, pero fáiseme irresistible volver a melodramas coma ‘Mercoledì, 2017’, á calidez de temas como ‘Radio’ (“Nella testa io ho una radio / Con le canzoni che ti passano / Ho la curva di uno stadio / Che al novantesimo festeggia un gol”) ou ás vibras de canallita de ‘Lunatica’. Un repertorio de pop inmediato e estupendo, para conquistar radiofórmulas, redes sociais, o festival de San Remo ou as discotecas que se propoña. Dese que, cando deixa de sonar, prende na túa cabeza a perpetuidade “Un motivetto che fa ‘na-na-na-na’”. Será a apariencia de luxo, serán os fonemas nasais, será esa grandeza tan propia e que coquetea co directamente hortera do puramente italiano. Un disco que activou as conexións neuronais clave para que me acorde del de aquí a moito tempo.
Bótalle un ollo a: ‘Dall'altra parte del mondo’. O single máis evidente dun álbum no que se acumulan as cancións de éxito. Un piano, unha voz rasgada, aires de malditismo e un pouco de romantiqueo do de toda vida (“Io sono fatto male come sai / Però sto bene quando ci sei tu”). Non fai falta inventar a roda para abrazar a beleza. Dove il sole non tramonta mai, e la notte la decidi tu.
16. Fever Ray - Radical Romantics
Hai ángulos e ángulos para aproximarse ao pop. A forma na que o fai Karin Dreijer, a persoa que oculta o nome artístico de Fever Ray, é ben máis artie e sofisticada ca a fantástica inmediatez e o hedonismo dos recén comentados discos de Jessie Ware e Peter White. Pero iso non lle fai perder un mínimo de interese e tracción a esta proposta singular e cautivadora. Radical Romantics foi para min un traballo que medrou cos meses e cas escoitas, no que fun apreciando novos matices de cada vez ata mercar de todo a proposta, mesmo ese peche de corte ambient en ‘Bottom Of The Ocean’. Hai temas potentísimos, cheos de rabia (‘What They Call Us’ ou ‘Even In Out’) e dunha factura exquisita, repleta de matices. Abondan as curvas e os cambios de sentido nun álbum que dificilmente cansa e que garda cortes tan potentes e tan válidos fóra deste marco como ‘Shiver’, ‘Kandy’ ou ‘Carbon Dioxide’. Especialmente a última, un hit total. Radical Romantics: ás veces escuro e outras luminoso. Pero case sempre fabuloso o que propón Fever Ray neste disco.
Bótalle un ollo a: ‘New Utensils’. Os meus sintes favoritos dun álbum con varios momentos memorables. Hai outras cancións xa citadas que van prevalecer por diante desta no futuro, pero é unha á que lle teño un cariño especial.
15. Rodrigo Cuevas - Manual de romería
Dun tempo a esta parte proliferan os proxectos artísticos que buscan reinterpretar a tradición musical e reconciliala ca vangarda. Non son cousa de hoxe, sempre existiron, máis o certo é que son propostas certamente en auxe. En tempos de hexemonías culturais, discursos únicos a nivel mediático e prevalencia do foráneo (en xéneros, en nomes, en formas; esta lista non escapa diso), parece a única resposta válida para conectar dunha forma singular co noso propio ser e sentir. Rodrigo Cuevas é un habitual desta escena. Manual de cortejo xa foi, en 2019, un traballo notable e recoñecido, cun éxito de público amplo -polo menos no norte peninsular-, para o peculiar do seu contido. Volve agora con Manual de romería, máis desenfadado, menos artie, máis popular. As señas de identidade permanecen. Rodrigo racha co establecido, é irreverente, necesario e indispensable. Como figura pública. E como músico. ‘Allá arribita’ é a primeira canción que me ten feito chorar sen estar eu predisposto a facelo. Por esa lembranza dos topónimos que xa non existen, da memoria colectiva perdida para sempre co pasamento das xeracións que nos precederon. É este un disco que parte das bases do local para facer algo global e espléndido. Manual de romería sabe a lareira, a fogar, a xeada, a bágoas de San Xoán e a bombas de palenque. Escóitase co peito e co corazón. Éme imposible disociar e xulgar este traballo sen proxectar máis alá do musical. Porque a potencia de temas como ‘Dime, ramo verde’ traspasa calquera fronteira da estética. Porque me fai mirar aos ollos a partes de min e do meu mundo que xa non existen. E cal outro é o sentido da arte se non é ese?
Bótalle un ollo a: ‘Más animal’. Porque despois de toda a viaxe emocional por pasado, presente e futuro non hai nada mellor que despedir o disco con esta exhibición de carisma e presenza. Doite mil vueltes, chaval.
14. bar italia - Tracey Denim
Se no disco de Rodrigo Cuevas todo era significativo e trascendental, sen deixar de ser divertido, aquí mandan a frivolidade e o pasotismo. Tracey Denim é o primeiro dos dous traballos que bar italia entregaron este ano. Fundadores e presidentes da República de Insoportablistán. Actitude de perdonavidas, divismo, guapos e encantados de coñecerse. Pero irrebatibles no musical. “Your pretentious ways / Make me die a little”, cantan en ‘my little tony’, que -a ollos de quen escribe- é o seu mellor tema deste ano, aínda que estea incluído en The Twits, disco de hai uns meses algo máis frouxo que estoutro que aquí reseño. Son letras aplicables a un grupo que recupera os sons do slacker rock dos 90. Quítanme as ganas de vivir cas súas poses, pero precisamente o que fan é un exercicio de estilo que me ataca polo lado débil. Difícil que non me rinda a esas guitarras distorsionadas, a eses retrousos cantados sen ganas, a esa música feita deliberadamente para sonar vaga e casual. Pecan un pouco de incontinencia -quince temas e un disco adicional uns meses despois-, pero tamén regalan cancións cunha facilidade inaudita. Aí están ‘punkt’, ‘my kiss era’, ‘changer’ ou ‘friends’ como mostra da versatilidade dun grupo con máis rexistros do que pode parecer en primeira instancia. “I may owe you an explanation / I just wanna lose control / And I don't have a real solution / Wanna say just leave me alone”. Pode que non sexa o bar co mellor servizo, pero si un ao que quero ir a diario. E no que pasar moitas horas sen decatarme. “All my favourite people are misunderstood”.
Bótalle un ollo a: ‘Nurse!’. Mentres canta Nina pode parecer a típica canción de rock alternativo cunha voz feminina sobre guitarras lo-fi. Todo ben, nada memorable. Mais axiña chega o retrouso, suben os instrumentos, medra o ruído. Hai substancia. Hai materia. Todo é un xogo co que se ensina e co que se é.
13. Blondshell - Blondshell
O meu disco favorito de rapaza-con-guitarra. É ese un xénero de fronteiras moi laxas e no que podemos incluír un cento de cousas diferentes, mais todos nos podemos facer a idea de por onde tira o debut de Blondshell. É un álbum que non esconde os seus defectos, que vai de cara e que non maquilla realidades nin vende gato por lebre. “I think my kink is when you tell me that you think I'm pretty”, canta en ‘Kiss City’, momento bastante revelador de como están moitas das cabeciñas cos vínculos afectivosexuais hoxe en día. Con que haxa casiño, validación de terceiros, abonda. Entre anécdotas de relacións tóxicas, sexo, adiccións varias e autodestrucción pasan a ritmo lixeiro os temas dun disco que ofrece cortes tan destacables como ‘Sepsis’ ou ‘Joiner’. Guitarras inflamadas, frases memorables. “I'm going back to him / I know my therapist's pissed / We both know he's a dick / At least it's the obvious kind”. Malos polvos, resacas, amigos complicados e decisións horribles. Medrar é pasar por todo iso. Madurar é darte conta de que vas volver tropezar nas mesmas pedras máis adiante. Nas historias de perdedores hai moitas máis verdades que nas vidas e relatos perfectos.
Bótalle un ollo a: ‘Olympus’. Perdín a conta de cantas veces escoitei esta canción este ano. Un relato de desamor en primeira persoa. Unha baixada aos infernos (“I wanna save myself, you're part of my addiction / I just keep you in the kitchen while I burn”). Unha mostra máis de que, aínda que todo estea xa inventado no subxénero das cantautoras de rock alternativo, sempre hai marxe para novas voltas de folla e novas obsesións.
12. Copa Turbo - Lo vi dos veces
Cada vez que poño este disco non podo borrar da cabeza a idea de que, se o tivera sacado unha banda de Kansas City ou algún grupo balcánico de culto, estarían as revistas de medio mundo coma tolas detrás deles e acaparando portadas aquí e acolá. Pero non, Copa Turbo son catro rapaces que operan dende Pontecesures (Pontevedra), unha vila gris e bastante fea á vista á beira do río Ulla. Non sei se esas paisaxes semiurbanas descoidadas inducen á xente cara ao krautrock, pero Lo vi dos veces é das obras máis estimulantes que teño atopado en tempos recentes. Ritmos motorik, punteos guapísimos de guitarra, experimentación e actitude a capachos. ‘Fin de ano no Manchita Cosa’ abre o disco cunha hostiaza sonora e o grupo co nome daquel ataúde con rodas non quita o pé do acelerador en ningún momento. Sempre a gas. Hai pouco publicaron este vídeo para CLN Prods no que sacan a relucir “SDR” e “90's”. É unha mostra da tolería que son en directo. A sorpresa máis agradable e reveladora de todo este 2023, que pecharon indo de xira por varias salas do Reino Unido estas últimas semanas do ano. Un grupo ao que seguir de preto. Un carro ao que subirse, agora que aínda estades a tempo.
Bótalle un ollo a: ‘As únicas verdades absolutas son as esquelas’. Temazo. Titulazo. Letraza. “Pedinlle a miña nai / Que me limpe o corpo”. Un vibrato inesquecible. Unha demostración de que aquí hai moita tela que cortar.
11. Wednesday - Rat Saw God
Un amor a primeira vista. Escoitei este disco por primeira vez nas primeiras semanas de abril, nada máis saír, grazas a esta reseña de Hipersónica (imposible ignorar un grupo que che venden coma un cóctel de Big Thief con MDMA e anís, rollo indie). Axiña me din conta de que ía quedar conmigo por moitos meses máis. Rat Saw God é deses traballos que te enganchan polo peito e non te soltan. Guitarras que se incendian en cancións magníficas, que nunca deixan de sorprender. Hai trauma, hai catarse, hai droga, hai sangue, suor e bágoas. Wednesday asoballan neste disco cunha música que rompe calquera tipo de corsé. Onde outros procurarían a cordura, o equilibrio e a corrección; eles devolven un rock retorcido, feito cas tripas e cheo de manchas. É música tan real e tan viva que a podes sentir revolverse dentro de ti. O tramo medio de Rat Saw God (‘Chosen to Deserve’, ‘Bath County’ e ‘Quarry’) é simplemente incontestable. Cancións absolutas. Credenciais máis que válidas para calquera recoñecemento que se lles queira dar.
Bótalle un ollo a: ‘Bull Believer’. Encapsula todo o potencial do grupo. Un tema dividido en tres partes, que explora feitos traumáticos -a propia cantante asegura que lle custa interpretar esta canción en vivo-, medra e muta ata rebentar nunha explosión de ruído e berros agónicos. Un fatality emocional.
Para a semana rematamos con este repaso ao 2023 en cincuenta discos. Alí vos agardo! Felices festas ata entón!
2023 en 50 discos: