2023 en 50 discos (I)
Do 50 ao 41: The Rapants, La Paloma, Avalon Emerson, 100 gecs, Woods, Explosions in the Sky, Fillas de Cassandra, Melenas, Yo La Tengo, Holiday Ghosts
Aínda non escribín nin tres frases disto e xa me estou arrepentindo. Perdo o cú polas listas de fin de ano doutra xente. Gústame lelas, escoitar o que non coñezo e criticalas porque non me parecen un método adecuado de divulgación cultural e, sobre todo, porque non coinciden cos meus gustos. E como, polo menos neste intre, vivo nunha situación de desemprego prolongado, teño tempo e ganas para facer por primeira vez na miña vida unha propia. De cincuenta discos, nin máis nin menos.
Como a extensión vai ser propia dunha turra mítica, decidín que se publicará un capítulo desta lista cada domingo do mes de decembro, ata o día 31, no que salirá o top 10 de discos da Xanela deste 2023. Así respeto a miña máxima existencial de que non se pode escoller disco do ano ata que acaba o ano, da cal pasarei descaradamente por riba porque cando escribo estas liñas xa sei cal vai ser.
En calquera caso, feita esta introdución chapuceira, vou alá con esta lista, que hoxe vos presento dos postos 50 a 41. Se vos presta, para que a teñades sempre a man, hai unha lista de Spotify cun tema de cada álbum.
50. The Rapants - O corasón como un after
O disco inevitable do ano en Galicia. De debaixo das pedras brotaron durante todo 2023 concertos de The Rapants por toda a xeografía galega. E peninsular, que será cousa da diáspora, pero a maioría das reproducións do grupo en Spotify son dende Madrid e Barcelona. Pop rock para bailar, facer pogo, bicar, saltar e, sobre todo, pasalo ben e desfrutar da vida. Aínda co corazón roto. Son un grupo de éxito amplísimo para o minoritario da nosa escena e, sen medios de difusión masiva verdadeiramente relevantes que sirvan de amplificador, iso só se pode explicar polo moito que se desfruta a súa música en directo. O corasón como un after é un disco breve, irregular, que apunta en bastantes direccións e de forma difusa en bastantes delas; pero que tampouco precisa de nada máis que de cancións tan perfectas coma ‘O avión’ e ‘La favorita’ para que la máquina del buen rollo siga carburando a tope. É imposible pintar unha paisaxe do 2023 en música dende Galicia e que este disco non estea presente.
Bótalle un ollo a: ‘La favorita’. Se non entras por aquí non vas entrar de ningún outro xeito.
49. La Paloma - Todavía no
Hai unha movida con este tipo de listas. Hai algúns discos que, pola data na que se publican, son candidatos fixos a estar nelas e chegan rodadísimos a esta época do ano. No caso de La Paloma pasaron en moi pouco tempo de ser un fenómeno relativamente de nicho a protagonizar mítines de campaña do PSOE (hahaha) grazas ao éxito de Todavía no. É posiblemente o disco que mellor recolle o estado do mainstream fóra do mainstream en 2023. Noise pop de manual. O cayetanocore, a escola de Sonido Muchacho (por moito que sexan de La Castanya) que o está petando mentres as emisoras convencionais aínda exprimen as últimas gotas do boom do urbano de hai uns anos atrás. Empeza a haber una sorte de grupos de guitarras clónicos e intercambiables, pero en La Paloma aínda atopo -a pesar desa voz que o complica por momentos- autenticidade e motivos que me fagan volver a eles. Sobre todo, porque aínda que haxa momentos baixos (na segunda metade o disco cáese bastante), hai cancións tan incontestables como ‘Polvo’.
Bótalle un ollo a: ‘Algo ha cambiado’. O tema ideal para captar a esencia do grupo e para capitalizar a saudade do coming of age milennial.
48. Avalon Emerson - & The Charm
Para quen estivera ao tanto da traxectoria de Avalon Emerson coma dj este non é o álbum máis previsible polo seu contido. No canto da electricidade e euforia dos seus sets, este debut en formato banda -acompañada polos seus colegas de The Charm- e con música orgánica é unha mostra máis relaxada da súa personalidade musical. A dunha artista á que non lle doe dicir que mira en Wikipedia estruturas para compoñer cancións. Aquí non hai tanta zapatilla que queimar como cando pincha, pero si pezas de pop electrónico tan brillantes como a inicial ‘Sandrail Silhouette’ -estou prendadísimo dos arranxos de corda- ou ‘Astrology Poisoning’. Os ingleses chámanlle balearic a este tipo de movidas, pero postos a buscar anglicismos para falar deste estilo quedaríame en que aquí somos máis de dicirlle que é música de chill.
Bótalle un ollo a: ‘Hot Evening’. Para min, o corte máis destacado de todo o disco. Uns sintes ben postos, unha voz etérea. Todo ben.
47. 100 gecs - 10.000 gecs
Se este fora un top de discos máis divertidos do ano este estaría moito máis cerca da cabeza. Imposible odiar un álbum que comeza cunha frase como “If you think I'm stupid now / You should see me when I'm high” (Se pensas que son parva agora / Deberías verme cando estou colocada). Música para xente cronicamente online. Hyperpop que por momentos quere parecer un revival do punk comercial dos 2000. Un experimento bastante peculiar, que non se toma demasiado en serio a si mesmo e que precisamente por iso se fai aínda máis desfrutable. En serio, hai moitísimas capas de Internet neste grupo e, a cada cal, mellor. E tamén cancións que, malia absurdas, son magníficas, como ‘Doritos & Fritos’.
Bótalle un ollo a: ‘Hollywood Baby’. Unha sátira do mundo do faranduleo americano contaxiosa coma ela sola.
46. Woods - Perennial
Unha pequena decepción. Woods son para min unha desas bandas que ocupan os meus espazos musicais de confort. Folk psicodélico lixeiro. Cancións nas que flotar e deixarse levar. En apariencia inofensivas, pero cun importante pouso. Estiven bastante subido no seu carro na etapa de Bend Beyond e With Light and With Love, mais tíñalle algo perdida a pista en tempos recentes. Con Perennial os ingredientes son os de sempre e válelles para aparecer aquí nun posto bastante decente, mais tiña ganas -culpa miña, as putas expectativas- de que foran un dos discos do ano. En calquera caso, deixan mil pasaxes nas que perderse entre guitarras trémulas. Esta reseña case que negativa non lle fai xustiza a un disco que, xulgado polo que é e non polo que me gustaría que fora, paga ben a pena. Sobre todo porque temas como ‘Between The Past’ sostéñenlle a mirada a calquera do pasado.
Bótalle un ollo a: ‘Sip of Happiness’. Hai cousas que Woods fan moi ben e este é un claro exemplo de cales son.
45. Explosions in the Sky - End
Con este disco pásanme cousas. Primeiro de todo, non son eu connoisseur dese exquisito mundo do post-rock de refinados padales e peteiros estirados. Por ese motivo, non estaba ao tanto de que Explosions in the Sky son un pouco o chivo expiatorio dun xénero bastante de puretas, que os acusan de ter pervertido a base de crescendos intensiños a esencia mesma desta música instrumental. Personalmente, nunca profundizara neles, aínda que The Earth Is Not a Cold Dead Place me pareza un disco monumental (e outro titulazo). Nese sentido, End non inventa a roda. É a mesma fórmula que tantos réditos lles ten dado nas últimas décadas, mais que podo dicir alén de que son realmente bos con ela. As cancións nacen, medran e desenvólvense con xeito. Hai tramos preciosos de escoitar e, a min particularmente, resúltame inspirador. Nada como un muro de guitarras para que me entren ganas de picar tecla coma un poseso.
Bótalle un ollo a: ‘All Mountains’. Fáiseme estrano recomendar un corte concreto dun disco pensado como unha entidade en si mesma, mais penso que resume as virtudes e defectos da proposta en cuestión.
44. Fillas de Cassandra - Acrópole
Hai nada escribín que é imposible pintar a paisaxe do 2023 en música en Galicia sen The Rapants. Máis o é aínda facelo sen Fillas de Cassandra. Omnipresentes. En medios, en redes, en salas, en festivais. Son, con diferenza, o proxecto que protagonizou o ascenso máis meteórico da música galega en anos. Con todo o bo que iso implica para a súa mensaxe -referentes femininas, fusión de estilos, reivindicación do tradicional- e os perigos de queimar antes de tempo unha idea que falta ver que percorrido pode ter a futuro. A reinterpretación en clave tempos actuais dos mitos gregos que propoñen en Acrópole ten o risco de ser pretenciosa, mais salen airosas pola facilidade para deixar temas tan instantáneos como ‘Lisístrata’ ou ‘As moiras’.
Bótalle un ollo a: ‘Cassandra’. Hai moita rabia e potencia contidas nesta canción. Supoño que me inflúe ver a performance en directo, mais xustifica por si sola a idea do álbum.
43. Melenas - Ahora
Hai unha pátina de frialdade que cubre Ahora, o último disco de Melenas. É certo que hai cancións que fan clic dende o primeiro segundo, como ‘Bang’ -é unha auténtica marabilla-, mais a conexión cos dez temas que conforman este traballo, por accesible que sexa o synthpop destas rapazas navarras, require de algo de tempo. Non é todo explícito. Non é todo inmediato. Pero as melodías van medrando dentro dun, ata que descubres que ‘K2’ ou ‘Tú y yo’ viven xa no teu subconsciente cun alugueiro a perpetuidade. Non sempre escollen Melenas o camiño fácil neste Ahora, e algunha vez pode que tampouco sexa o óptimo, pero é un traballo dunha factura notable e ao que sempre presta volver e ir atopando calidez onde antes non a había.
Bótalle un ollo a: ‘Bang’. Podería defender o álbum só por isto. Unha das mellores cancións pop recentes. Terriblemente adictiva.
42. Yo La Tengo - This Stupid World
Now we're talking. Méteme bastante respeto falar dun grupo totémico como son Yo La Tengo, un deses nomes imprescindibles na historia do rock alternativo dos últimos trinta (e xa máis) anos. É estrano pensar que esta xente pode seguir tendo algo relevante que contar a estas alturas -non é edadismo, pero cunha recua de discos de estudo ao lombo é lóxico baixar o nivel nalgún momento-, mais este This Stupid World funciona. Non fala dende as tebras de Painful nin habita por tantos momentos na perfección de I Can Hear the Heart Beating As One, pero é un exercicio de rock ruídoso, elegante e funcional. Xa só as dúas primeiras cancións do disco poñen o listón moi por riba do que outras moitas bandas con cero camiño percorrido poden aportar en 2023. Tamén sirve como escusa para manter de xira a un grupo que por fin puiden ver en directo este ano, despois de varios intentos fallidos.
Bótalle un ollo a: ‘Sinatra Drive Breakdown’. A liña de baixo. En serio, esa liña de baixo.
41. Holiday Ghosts - Absolute Reality
Sendo honesto: un disco ao que nunca chegaría de non ser por Hipersónica. Son un grupiño inglés que fai cancións de jangle pop, que evoca o verán con guitarras cristalinas (aínda que escriba esto ás portas do inverno) e que podería encher con calquera dos seus temas unha lista de reproducción para un viaxe por carretera eterno ou para estar horas tirado ao sol ca mente en branco. Moitas veces procuro na música respostas a preguntas complexas ou ideas sesudas. A realidade é máis simple e desfrutala tamén. Seguramente Holiday Ghosts non vaian cambiarche a vida, pero si alegrarche máis dunha tarde.
Bótalle un ollo a: ‘Vulture’. Unha delicia pop con retallos surf. Non sempre as cancións máis escoitadas dun traballo son as que máis pagan a pena, pero desta vez a coincidencia fai xustiza.
Aquí remata esta primeira aproximación aos 50 mellores discos deste ano para a Xanela. Mellores no sentido máis amplo da palabra. Por como describen estes 365 días dende o musical, polo que aportan ao debate, por como cambian o panorama de aquí en adiante. Ou polo feliz que me fan sentir. A semana que vén máis, en concreto do 40 ao 31!
2023 en 50 discos: