Mosquitos en novembro
O título non ten nada a ver co contido que vén a continuación. Pero sorpréndeme ter que durmir co enchufe posto por que me sigan acribillando a estas alturas
Pois non quería escribir este post. De feito, xa vedes que chega moi a destempo para o que é habitual neste espazo. Non teño moi claro que forma darlle a esta edición da Xanela, mais si sei que esta non é unha publicación máis. Pasaron cousas. Relevantes e, por unha vez, penso que boas. Os que me sufrides a diario por ser colegas (maioría por aquí) e os que me levades lendo xa tempo nesta newsletter estades ao tanto da miña situación, aquí detallada, e varias veces comentada nos meses que leva isto aberto.
Gañei. Gañamos. Son palabras que se me fan raras, difíciles, de pronunciar para falar deste puto proceso que me leva consumindo tres anos e medio -e vén aínda de máis lonxe- e que tantas hostias me foi soltando no camiño. Pero si, dende o venres pasado hai unha sentenza xudicial que di que todo polo que levo pelexando todo este tempo é meu. Noso, que sen o sindicato -e a xente que me axudou polo camiño- non tería chegado a ningures. Cando digo todo é todo. Antigüidade recoñecida dende o primeiro día, categoría profesional, salario, todo o imaxinable. A xuíza responsable estimou integramente as nosas peticións e desbotou todos os argumentos da empresa. É posiblemente a noticia máis importante da miña vida, un feito trascendental que cambia por completo o meu presente e o meu futuro. Porén, van xa varios días nos que, malia feliz, non podo evitar sentirme baleiro. Todo é pouco, todo é demasiado.
Levo moitas semanas de apuros económicos serios e ver a luz ao final do túnel alivia estas urxencias. Levo unha cantidade inxente de meses agardando a que isto se solucione sen poder tomar o mando da miña vida e agora vai volver pertencerme. E, aínda así, son incapaz de sentir euforia. Cando unha persoa experimenta un proceso depresivo, a anhedonia é un dos síntomas máis frecuentes. A incapacidade para experimentar pracer ou mostrar interese polo que a rodea. Non son psiquiatra, nin pretendo selo nin quero autodiagnosticarme, pero xa nestas últimas semanas me atopaba apático perdido. Penso que é algo que se desprende dos últimos post, nos que me custaba atopar música ou intereses novos que traer aquí, por moito que o feito de querer coidar deste espazo xa era un estímulo para atopalos.
Non é doado explicar como un proceso tan largo vai facéndote minguar día tras día ata anularte por completo. Coma se foran areas movedizas, esparruñar e protestar só sirve para afundir máis. A solución para non afogar e seguir a flote é non reaccionar, manter a calma. Neste caso, o meu mecanismo de resposta (instintiva e non deliberada) foi armar unha coraza emocional impermeable aos sentimentos, tanto aos positivos coma aos negativos. Quero pensar, e levo días dándolle voltas, que isto é algo momentáneo, que por moi complexo que fora o proceso ata o momento, que no intre en que esta nova realidade que está por vir sexa tanxible -e me incorpore de volta ao curro nunhas condicións dignas- terminarei de desprenderme desa armadura e poderei desfrutar da nova situación. Que o de agora son simplemente proteccións por todas as veces que durante este camiño houbo atrancos e retrocesos. Mellor crer niso e non en que me volvín un ser invulnerable ás emocións e incapaz de sentir.
O mesmo feito de ter que poñer en orde os meus pensamentos para dar forma a este post axúdame a darme conta de como estou e do que sinto. Estaba feliz, sabía que recibira unha nova positiva, mais o meu corpo non respondía en consecuencia, e voume decatando de por que. Teño dito moitas veces que xa non me importaba tanto o desenlace deste proceso -que obviamente si que me importa- como que rematara xa e poder vivir de novo, mellor ou peor. Agora rematou, á espera de mil recursos e instancias xudiciais, que non van facer outra cousa que dilatar aínda máis o pago de indemnizacións e a confirmación do que sabiamos dende o minuto un: que a razón estaba da nosa parte. Pero só no intre en que de verdade perciba un cambio nas miñas rutinas, no que se aplique esa execución provisional da sentenza que debera devolverme ao meu día a día laboral, vou poder experimentar esa fin dunha etapa. Éme igual ter coronado o Tourmalet en cabeza, quero rematar xa o descenso cara a meta. Aínda que non gañe o maillot amarelo.
Síntoo moito polos que entran aquí procurando algo de novidades musicais, memes cutres, lecturas de xente que fai bo xornalismo e comentarios meus soliviantados sobre temas varios. Este foi, polo momento, un post escrito cas tripas para acabar de descifrar a cabeza. Unha das miñas hiperfixacións (teño moitísimas, simultáneas e concurrentes) é o tema de como afectan a posteriori os horrores da guerra aos soldados ou as persoas que os presencian. Teño lido un montón, dende as testemuñas en documentais a simples páxinas de Wikipedia, sobre os efectos e as manifestacións do estrés postraumático (PTSD, polas súas siglas en inglés). E sempre hai un tema que me chama moito a atención: o feito de que os veteranos de guerra sempre se distancian do seu círculo máis próximo (amigos e familia) porque non se sinten entendidos, non teñen que lidiar con esa carga e esa bagaxe emocional que levan consigo. Pasou moito cas barbaridades dos americanos en Vietnam, e seguramente haxa na actualidade moita xente así -tamén en España- en relación cos conflitos de Oriente Próximo.
Evidentemente, eu non fun á guerra. Son desa xeración “de cristal” á que nunca nos faltou de nada na casa e sempre tivemos mimos e protección, mais tampouco tivemos as oportunidades de labrarnos un futuro que chovían do ceo na época dos nosos pais (a base de curtir o lombo, todo sexa dito). Pero moitas veces atópome na mítica canción de ‘Veteranos de la kale borroka’, dos Lendakaris Muertos. “Yo no estuve en Vietnam / Yo no estuve en Camboya / Yo no me cargué amarillos / Pero me dieron muchas hostias”. Déronme hostias, pero das emocionais, que das físicas nin teño corpo para levalas nin fun proclive a pelexar nunca. Onde vos quero levar con estes dos últimos parágrafos? Pois a que teño que aprender a volver sentir e a relacionarme co mundo despois de todo o que pasou e que agora está a piques de concluír. As penurias, as coaccións e a violencia sistémica que me acompañaron neste proceso téñenme convertido nunha persoa diferente á que era antes de meterme nesta aventura. Coido que tiven un entorno que me mimou moitísimo e ao que lle estarei sempre agradecido por non me ter deixado afundir malia que ás veces era o único que quería. Supoño que estou en débeda e que me corresponde saber xestionar a situación con todos eles para darlles de volta o que me aportaron.
En resumo: se vienen cositas. Vai haber cambios importantes na miña vida a curto, medio e longo prazo. Dáme algo de medo non estar á altura do que poida pasar, pero haberá que intentalo agora que chegamos ata aquí. Agardo, en calquera caso, que poida manter este espazo para contalo. Xa non por que vos interese a vós, senón polo que me axuda a min facelo.
O resto de cousas
A ver que podo contar agora despois de todo o anterior. Non teño unha liña estruturada de discurso, así que me vou limitar a facer un repaso do que levo visto/pensado/comentado estes últimos sete días.
Non sei se vistes que palmou unha rapaza nos concertos de Taylor Swift en Brasil, que se celebraron en plena vaga de calor -reportáronse polo menos un milleiro de esvaecementos entre os asistentes- e con decisións loxísticas tan delirantes como pechar os condutos de ventilación do recinto para evitar que as swifties se colaran no seu interior sen entrada. O fervor esaxerado ca figura desta muller a estas alturas -leva sendo moi famosa máis dunha década- é unha cousa que me flipa e que non alcanzo a comprender, pero que paga a pena estudar.
Tamén estou a rematar a autobiografía de Kim Gordon, Girl in a Band, e aparte de servirme para mergullarme máis nesa marabilla que son Sonic Youth, ten unha hostia ca man aberta a Lana del Rey (outra do club de xente que non soporto) sublime. Asino totalmente. Saco o tema porque tanto Lana como Taylor entran na miña cabeza dentro dunha corrente bastante problemática do que significa “ser” e “comportarse” como unha muller en redes.
Falando de Lana, penso que é a cabeza de cartel máis cara e popular do Primavera Sound de 2024. Noutro momento poderíame prestar facer unha análise ou un comentario das propostas que me apetece ver -teño abono un ano máis-, pero non cadrou así. Faime moita ilusión ver a Pulp e PJ Harvey por primeira vez, porque son parte importante da miña aprendizaxe musical, e, aparte deles, sálenme non menos de corenta ou cincuenta concertos interesantes, así que pagarame a pena un ano máis, por moito que me tente a opción cómoda -e máis económica- de ir ata Porto (aínda sen cartel). En calquera caso, a do anuncio do cartel do Primavera (que por certo, foi a través dun vídeo chulísimo con ‘Going Kokomo’ de Royel Otis) é unha semana divertídisima en Twitter, cos comentarios e memes ao fío do mesmo. Deixo por aquí varios, coma este, ou este, ou estoutro. En calquera caso, poucos momentos tan historia de Internet coma este:
Mola que volva Kathleen Hanna (que obviamente está entre a lista dos músicos que asinaron un manifesto a favor da causa palestina) e a tope con que ‘Girls to the front’ sexa unha das consignas deste ano, precisamente cando volveu o debate acerca dos pogos e as mulleres. O Primavera non deixa de ser unha das expresións máis palmarias do turbocapitalismo e do que está mal na industria da música, pero é tamén un dos poucos espazos verdadeiramente potentes (cas súas consecuencias negativas, que aquí xa se ten falado dos macrofestivais, das exclusividades, das salas e de moitas máis cousas) e con discurso propio nunha feira de eventos clónicos e carentes de alma. Mentres o peto o permita (e está complicado porque os prezos están disparados tanto nos abonos como na propia loxística da viaxe a Barcelona) e a programación artística responda, por alí estaremos.
A canción da semana
Quedou un post bastante raro. Como hai moita trapallada de fotos e vídeos xa está Substack toleando e dicindo que non vos vai coller enteiro no correo -si que colle, sempre fago a proba-. Pero en realidade é súper breve. Hai temas latentes no capítulo desta semana (as tradwife na música, o cartel do Primavera, o libro de Kim Gordon, o debate sobre os macrofestivais) que xa estiveron e van estar presentes en futuros post da Xanela, así que tampouco pasa nada se nun capítulo tan íntimo coma o de hoxe quedan sen desenvolver.
E realmente non sei con que canción despedir. Non tiña pensado escribir nada esta semana, entón non preparei gran cousa, así que vou aproveitar que atopei un meme bastante gracioso para darlle paso:
Si, gústanme Los Planetas. Como a todos os puretas. E gústame especialmente Una semana en el motor de un autobús, que pode ser o disco que máis teño escoitado na miña vida e, para min, a cima creativa do grupo. A miña canción favorita deles é ‘Toxicosmos’ e poucas veces me sentín levitar nun directo como cando ese tema explotaba cas hostias de Eric á batería. Sempre pensei que tiña que atopar un día para incluíla nesta sección, mais vai tardar en estar, porque hoxe adiantouna pola dereita unha compañeira súa nese álbum, ‘La Copa de Europa’.
Creo que ata que sacaron ‘El Manantial’ era a canción máis longa que publicaran e, aínda que agora xa non o sexa, si segue a ser unha das cancións ca progresión instrumental máis lograda e desfrutable da súa discografía. Un tema que arranca tímido, lánguido e vai medrando ata completar unha explosión orquestal de cordas e vento memorable. Un peche inmellorable para ese álbum xeracional que editaron en 1997 e cuxa historia conta moi ben Nando Cruz no seu libro sobre este álbum. Si, Nando o de Macrofestivales. Un resumo do libro: as cancións dos Planetas sempre falan de drogas ou de amor tóxico, pero máis de J a Florent que de parella.
Escóitoos dende hai moito, pero tamén me levou tempo en entrar neles. No seu mundo de distorsións, voces inintelixibles e referencias lisérxicas. Pero cando fixo clic engancheime a eles. É certo que levo tempo sen conectar con eles e unha tempada importante sen velos en directo, pero son outros dos grupos da miña vida. E poucas cancións se adecúan á historia deste post como ‘La Copa de Europa’. Longa, áspera, traballada. Todo un camiño. E unha letra coma un traxe de seda para esta situación. Dende as dúbidas no inicio (“Ahora pienso que no merece la pena / Arriesgarme traerá más problemas / Así que elijo lo que tengo más cerca / Por lo menos tendrá la certeza / De que existo / De que puedo decidir / De que elijo por mí / Solo por mí”) ata cando bota a vista atrás no crescendo final: “¿Cuánto tiempo he perdido ahí afuera? / ¿Cuánto por descubrir en mi cabeza? / Es tan vasto / Que da casi pereza / Casi pienso que no tengo fuerzas / Para hacerlo / Y encontrar dentro de mí / Algo nuevo”.
Algo novo. Algo aínda por descubrir. Algo dentro de min.
Queda por aquí a lista das cancións da semana. E lémbrovos que hai outra con todo o universo musical que aquí se vai mencionando. Por se as queredes. Despido así este capítulo -complicado e duro de escribir- da Xanela, máis breve do habitual, pero bastante máis intenso e persoal. Agradezo moito que vos pasedes por aquí e que fagades caso do que conto. Agardo que para a semana todo vaia asentando e poida volver a normalidade a este espazo. Moitas apertas ata entón!
Enhorabuena, Javi. Lo leo ahora y me alegro infinito :-)