En su cabeza era espectacular
bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpin' that bumpi
Este post debía ter saído antes, pero, se son sincero, prioricei ver a Eurocopa e atender dalgúns vínculos sociais a escribir aquí. Agardo que non se me teña demasiado en conta. Iso si, nestas semanas fun anotando nas notas do móbil temas que quería traer á Xanela. A maioría xa caducaron ou estaban apuntados tan de vagar que non sei que quería dicir cando os escribín. Pero aínda hai algún válido para xuntar catro letras a conta del. Vou.
Twitter pibardos
Lestes este artigo de Delia Rodríguez? Non? Pois ata que non o fagades está prohibido avanzar nesta Xanela. Xa si? Insisto: é importante. Agora? Vale logo. Cas columnas e os artigos de Delia pásame unha cousa. É coma se ela tivera a capacidade de ir tres pasos por diante miña, poñendo nome, argumentos e referencias a ideas pasaxeiras que teño de cando en vez. O illamento informativo, a estratificación da sociedade fomentada polos algoritmos, as cámaras de eco, etc. Son temas nos que levo tempo cavilando, pero ela sintetízaos con tanta precisión e coñecemento que pouco ou nada teño que engadir sobre o que ela conta cando escribe.
Evidentemente, isto todo que ela comenta na súa columna ten unha serie de consecuencias que se fan notar no noso día a día. A aparición dun partido no panorama político que sería inconcibible hai uns anos coma Se Acabó La Fiesta ten moito a ver con isto que ela enuncia. Xa rematei, non foi sen tempo, con Antisocial e nun dos últimos capítulos o autor narra como varios xornalistas ligados á alt-right pasan a formar parte da esfera mediática acreditada na Casa Blanca e noutros entornos institucionais. E como dende o poder se valen deses tontos útiles para manipulalos e torcer a axenda pública á súa vontade. Todo isto das ventás de Overton e demais.
Estou lonxe de ser alguén que adore o protocolario e institucional, máis se cabe nun mundo necesitado de tanta renovación e de ventilar coma o do xornalismo, pero ver o relato de friquis coma os descritos (que rápido veñen a cabeza paralelismos cos troles que aquí se alimentan da atención mediática) sacando a cabeza en entornos onde se supón que reside a mínima representatividade que nos outorga o sistema é preocupante. Reconcíliame cun Javi institucional que non sabía nin que existía.
O xornalismo é corporativista. O xornalismo é rancio. Concedemos, aceptamos e tragamos diariamente con cousas que… en fin, mellor non pensalo. Pero si quero pensar -pode máis ben que o necesite- que, polo menos para a maioría, hai unhas certas regras do xogo que non se transgreden.
En Galicia non nos queda moito por ver nese sentido (a última infamia, a da beatificación dos propietarios de VUT). Case todo vale. Temos aí casos flagrantes coma o tema da manipulación na TVG (300 e pico Venres Negros e non mudou nada), as eleccións de 2009, certas fotos de certo expresidente ou varias historias máis que dan para falar durante horas e horas. Mais aínda non chegamos ao extremo -todo se andará, o marco do aceptable vaise movendo cada vez máis rápido cara a esa esquina- do negacionismo e o totalitarismo. Aínda. Xa non conto con que se vaia erguer unha mínima voz -o que ten que ser aceptar compartir mesa no Congreso con xente como a que está acreditada a día de hoxe-, pero estaría ben unha reflexión de como chegamos a este punto no que un seudopartido alimentado a base de bulos, racistadas e machistadas (é necesario referirse as cousas coma o que son neste caso) tivo preto dun millón de votos. E non abonda con culpar ás redes, porque os medios temos moito a ver. E a falta de alfabetización mediática tamén.
En calquera caso, volvendo ao que conta Delia: a tecnoloxía non opera no baleiro. A tecnoloxía silencia voces, amplifica tendencias, retorce os xeitos nos que relacionamos. Ten un impacto medido e premeditado nas nosas vidas. Non entro xa en movidas tan densas coma o de Cambridge Analytica, senón en como algo tan a priori inofensivo coma a nosa interacción cun meme -dun gato, de fútbol, dun disco- nos fai meter a cabeza nun pozo do que non é difícil saír. Entrades no “Para ti” de Twitter? Facedes conta do fácil que é chegar a contido extremista e violento? Un like tonto a un chiste banal sobre a Eurocopa -da ideoloxía que subxace a todo isto tamén se pode falar outro día, pero non é o meu tema hoxe- e axiña está o timeline inundado con contido abertamente misóxino ou racista. Todo por unha decisión consciente dos executivos que dirixen esa rede social. Interaccións, emocións activadoras, visualizacións, métricas. Todo está perfectamente estudado para atraparnos, pero é tan burdo e despersonalizador que non se esforzan por disimulalo. E aí seguimos moitos de nós.
O resumo é que cada vez somos menos donos das nosas decisións e interaccións en Internet. Hai moi poucos camiños a seguir e todos rematan no mesmo punto. E son medios de socialización tan integrados no noso día a día -que facedes cando vos erguedes polas mañás? (outro temazo sobre o noso mundo de hoxe, este da amiguer Noelia Ramírez)- que custa imaxinar unha alternativa. É precisa unha maior transparencia, desligar estas ferramentas e redes da única procura do lucro. Pero… como se fai? O mundo tecnolóxico evoluciona tan rápido que a lexislación sempre vai a remolque e sempre serán maiores os incentivos económicos para facer as cousas mal que para facelas ben. Ser boa persona e traballar por artellar un mundo mellor non dá, desgrazadamente, réditos monetarios.
A economía da atención
Non sei a quen lle lin por primeira vez isto da economía da atención. Procureino así rápido para ver se podía acreditalo, pero non din co artigo, así que deixo un xenérico destes feitos para captar SEO -outro puto drama da vida moderna, a inutilidade dos motores de búsqueda e os resultados que devolven-. O caso é que, eu polo menos, son unha persoa bastante propensa a agobiarme se teño notificacións sen atender e un pouco adicto a precisar estímulos constantes. Xa me pasaba de neno, non é algo novo, pero si o noto bastante máis hoxe en día.
E o noso sistema mediático-político-cultural-económico-etc. non fai por frenar esta deriva, senón que a acrecenta. Creo que vivimos no mundo máis global e efémero que se poida lembrar: canto dura unha moda? Cal é o tempo de vida promedio dun meme ata que deixa de facer graza ou é secuestrado polas marcas? Acordádesvos do suceso de actualidade que mantivo a vosa atención por máis de dúas semanas? (All Eyes on Rafah e tal e cual)
Todo este ecosistema ten favorecido a proliferación dun determinado tipo de “famosos” ou influencers. Xente que funciona moi ben en base a estes códigos e que os explota no seu beneficio. Nada que obxectar ata aquí, así nun principio. Da creación dixital en Internet teño falado por aquí e as novas linguaxes que xorden son un dos meus temas favoritos (para ampliar: o Carballo Interplay é unha marabilla). Pero tamén ten a súa contrapartida.
Este tema de Anxo Couceiro para El Diario é boísimo. Volve un pouco ao da sección anterior (manosfera, Twitter pibardos, tu propio jefe, etc.), pero afonda nas claves de por que proliferan estes nichos e, sobre todo, abre unha cuestión moitas veces esquecida: como mesmo as persoas que combaten estes discursos -que os ridiculizan, que destapan as súas miserias, que divulgan- caen na trampa de replicar os seus códigos para adaptarse ás redes, ás plataformas de vídeo, á economía da atención, en definitiva. Non somos inmunes á propaganda da extrema dereita. Non estamos blindados ante caer na nosa propia versión dunha estafa piramidal con criptomonedas ou NFT. Non somos mellores. Eu mesmo falei no seu día de que escollín crer que era posible un cambio político en Galicia nestas últimas autonómicas. Porque quería que sucedera. Porque xulgaba que era necesario. Pero pequei de poñer o emocional por riba do racional. E houbo quen soubo chegar a min desa forma para convencerme de que era o correcto.
Por poñer outro exemplo: alguén de vós segue a algún influencer ou divulgador científico en redes? Non vou poñer o exemplo da secta de Carlos Ríos e o realfooding (been there, done that); pero si que ao mellor vos son familiares nomes coma o de Quantum Fracture. Antes díxeno co tema da tecnoloxía e ca ciencia pasa o mesmo: non opera no baleiro. Estou de acordo con que é súper necesario divulgar, prestixiar socialmente a investigación científica e toda esta cantinela de conselleiro de Universidades alentando aos estudantes STEM e pintando na merda aos de Sociais ou Humanidades. Pero: o medio é a mensaxe. Como sacas a cabeza nun entorno coma o de YouTube, que é pouco menos que a selva, cun algoritmo que non hai tanto acababa levándote a vídeos de antivacinas en menos de tres recomendacións despois de entrar ver contido científico? Pois… sendo pouco serio. Non teño documentación nin coñecementos suficientes para facer unha análise (nin quero) en profundidade dos contidos dos divulgadores científicos en Internet, mais xa Cosmos tiña que caer no filosófico e no espectacular (e facíao ben, flípame marabillarme ca inmensidade do que debuxa) para captarnos. Nun mundo de hai cincuenta anos, radicalmente diferente.
Quero crer que detrás das persoas que fan divulgación hai un compromiso inequívoco ca promoción dunha ética e uns valores moi necesarios. Non quero ser ese señor que sempre critico do meme de “Yet you participate in society”, pero creo que si que hai unha serie de liñas vermellas que conviría trazar. Por que digo isto? Porque como parte da miña adicción crónica a Internet entereime de que un señor que ten un podcast moi famoso organizou un debate: ciencia vs. conspiranoicos. En su cabeza era espectacular. E, evidentemente, houbo quen se prestou a ir, a comprar este relato totalmente absurdo e a validar como interlocutores a auténticos estafadores. Que quen o fixo? Pois se estades un pouco vivos no mundo das redes e da divulgación científica poderedes imaxinar quen foron os que, por unhas migas de atención e de cartos, se prestaron a semellante circo. Si, estes dous (non cito expresamente porque aínda que aquí sexamos catro gatos -no pun intended- paso de darlles máis exposición da que xa rebañaron).
Tampouco sei que credibilidade pode ter como divulgadora xente á que se lle viron bastante as costuras nestes anos -o de aproveitar unha canle de YouTube sobre ciencia para facer promocións de póker é das cousas máis miserentas que vin por Internet (e en xeral todo o que se narra este fío é hostia tras hostia, aínda que estea escrito a modo de venganza)-. Entrevistas, libros, colabos. Un éxito en canto a visibilidade -e seguramente tamén monetario- a conta de exprimir a ciencia como espectáculo. Pero todo dun xeito tan banal, baseado nos mesmos mecanismos que explotan os que fomentan a desinformación, que a diferenciación con eles é mínima. Porque chega un punto no que moita xente que consume estes contidos non está xa só por aprender, é algo identitario. Rirse de conspiranoicos ou de nazis non está estritamente mal per se, supoño que a todos nos poden facer gracia certas excentricidades nun determinado momento. Convertir iso no teu modo de vida… pois ben, é unha decisión que xulgo moralmente cuestionable. Ao final, é unha forma de sentirse mellor a conta das miserias alleas e de ignorar as nosas propias.
E por certo: hai cuestións que non son debatibles. Os paxaros existen. Igual que o dito este alemán (e disto algo saberán, que insisten en facer un revival cada pouco tempo) de que se nunha mesa hai un nazi e dez persoas ceando con el o que hai en realidade son once nazis. Somos completamente responsables de a quen damos alento cas nosas accións.
O marco xa está noutra eira
Ben. Este post é case monotemático no sentido de que, por un motivo ou outro, falou dos marcos. Do aceptable e do que non. Do permisible e do denunciable. Do politicamente correcto e do escandaloso. Pois en que mundo estaremos a vivir que esta semana sucedeu isto e non tivo a máis mínima consecuencia xa varios días despois:
Paso de entrar a analizar por que motivos está mal. Creo que salta a vista a barbaridade que é esta proposta, que non é máis que unha boutade para intentar competir coa ultradereita por un feixe de votos. Nin por iso, en realidade, que non hai eleccións á vista. É simplemente a pelexa por un espazo político, como os ciclistas que se dan co cóbado intentando entrar os primeiros a unha cota ou a un sprint. Suxerir isto na semana en que a axencia de control de fronteiras da Unión Europea (UE), Frontex, anda a pelexar cos gardacostas gregos para ver quen se responsabiliza de ter ciscado persoas migrantes ao mar dende barcos. Persoas que afogaron. Persoas que tiñan as mans atadas. Persoas que, en definitiva, foron asasinadas co amparo das institucións europeas. Naquel disque xardín de liberdades no medio dunha xungla.
A cuestión migratoria é a gran mancha do proxecto europeo. Os primeiros datos do informe polo dereito á vida -que puta animalada ter que reivindicar este dereito en 2024- de Caminando Fronteras cifran en xa máis de 5.000 as persoas mortas intentando chegar a España nos primeiros cinco meses de ano. Unha morte cada tres cuartos de hora. Polo Atlántico. Polo Mediterráneo. Por Marrocos ou por Alxeria. Pero a gran solución que o partido turnista que non está no goberno en España propón para resolver este drama é que o Exército patrulle as augas para que estas embarcacións non cheguen á terra. Política de altura, a verdade.
Este é o perigo de validar, permitir, recoller e difundir segundo que discursos. Que o umbral do tolerable se despraza cada vez máis. Por iso, cada vez que unha persoa presuntamente de esquerdas sae con iso de que “Hay que frenar las migraciones” non facemos máis que darlle ás ao verdadeiro problema: o auxe do fascismo. Medra en toda Europa, si. Ten relación cos fluxos migratorios no continente, si. Pero a perspectiva de que hai que intervir para que non proliferen idearios abertamente racistas é errada de base. Se hai que intervir é na prevalencia dos dereitos humanos. Facilitar que estas persoas poidan chegar e asentarse. Os movementos migratorios son unha constante histórica. Hai centos de miles de razóns -moitas ligadas ao propio colonialismo- polas que se seguen a dar na actualidade. Por moito que lle deamos as costas, as traxedias seguen a suceder (esta mesma semana foi a pique unha embarcación con máis de 150 persoas). O futuro de Europa está afogando todos os días no Atlántico e no Mediterráneo.
Depende tamén en parte de nós que os poderes públicos atendan e fagan por resolver estas situacións do xeito adecuado. Igual que na loita contra a depredación turística a sociedade ten ido por diante das propias institucións tamén deberamos ser valentes e mobilizarnos por máis causas. Está complicado, os lazos que nos unen están deteriorados e vivimos atomizadísimos e puteados con sacar os días adiante. Pero quero pensar que todos estamos por acadar -e por axudar no que se poida- un mundo mellor. Ou polo menos por que os límites do tolerable veñan cara ao noso lado. Acceso á vivendas dignas, equidade social, servizos públicos de calidade. O día en que deixemos de pegar cabezazos contra a parede para tirala abaixo vai haber quen poña novos tabiques máis difíciles de derrubar.
brat summer
Despois de tremendo speech político vén unha das seccións máis frívolas en tempo. Pero é que vai xa un mes que quero falar de brat, o disco de Charli XCX. Ou máis ben dos memes. Do disco non sei que podo engadir que non estea xa dito. Paréceme unha obra estupenda, porque creo que é o álbum que mellor capta o zeitgeist deste tempo de post-poptimismo. É unha fonte infinita de memes (froito dunha campaña promocional e dun deseño artístico que hai que felicitar, funcionou á perfección). Un disco íntimo, escrito cunha voz artística que, canto menos, suxire sinceridade e autenticidade: Charli expresa as súas dúbidas, o síndrome da impostora co que lida, envexas cara a outras artistas (brutal o da figura de Taylor Swift en ‘Sympathy is a knife’ e brutal a canción tamén), rende tributo a amigas desaparecidas coma Sophie, confesa as súas ganas de ser nai -e ao mesmo tempo ás dúbidas- agora que está entrando na década dos 30. É, á vez, é tamén un disco totalmente mamarracho e narcisista. Drogas, festas, raves eternas, unha actitude macarra e de ir de sobrada pola vida.
Who the fuck are you? I'm a brat when I'm bumping that
Todo sustentado nun carisma xigantesco. E nunha lectura dos tempos brillantísima. Á semana de saír brat chegaba brat and it's the same but there's three more songs so it's not. Mesmo disco, pero con tres temas máis, algún (‘Spring breakers’, outra bomba) xa coñecido. De novo xerando contido. Murales con mensaxes en cidades. Cameos en concertos propios e alleos. A actualización constante para seguir acaparando os focos moito máis alá do que é normal hoxe en día na saída dun disco, xa que o hype poucas veces dura máis dunha semana. Está por chegar un disco de remixes do que xa se coñece parte e que vai ser outra delicia. O brat summer aínda ten que dar moito más de si.
No musical, o disco ten o mérito de conxugar as dúas vertentes principais de Charli: a electrónica de club e o pop comercial. ‘360’ pode ser a súa mellor canción, un hito pop absoluto. Pero é que xusto a continuación aparecen ‘Club classics’ ou a mentada ‘Sympathy is a knife’ que exploran terreos electrónicos e son moito máis ca un caramelo pop -coma se iso fora pouco, por outra parte-. Hai algún tramo máis brillante ca outro, cancións que despuntan máis e outras que menos, pero o todo é un bloque cohesivo. Funciona como idea. Funciona por separado. Funciona en conxunto. É un disco que, por éxito, notoriedade e resultado, marca un antes e un despois no pop. É un álbum. Unha lista de reprodución. Un baile viral de TikTok. Un filtro para un stories. Un momento de desfase nunha discoteca. Carnaza para tuits. É discurso. É identidade. É saberse meme e saberse artista. Brat trascende as marxes do musical e convértese nun fenómeno que vai máis alá de todo iso. Sustentado en talento, intelixencia e oportunidade.
Sei que estas afirmacións tan absolutas son controvertidas. Ao mellor hai xente lendo isto que nunca escoitou -conscientemente, porque non me creo que haxa ninguén neste mundo ao que non lle chegara nalgún momento o ‘I Love It’ con Icona Pop- música de Charli XCX. E está ben. Pero non se pode ignorar que, neste intre, todo o pop quere imitala. Deléitase en ‘von dutch’ nesa faceta de diva e estrela, pero o certo é que o que anticipaba esa marabilla que foi Pop 2 confirmouse. Cambiaron as regras de xogo. A xente rara de PC Music -e aledaños- son agora os populares da festa e xa dixen que todo isto é efémero e pronto caducará. Pero o seu tempo é agora. Aí están as cifras para respaldalo e as manobras desesperadas de Taylor Swift para impedir que acadara o número un en vendas. Nun mundo onde as estrelas do pop teñen cero discurso, ou teñen o discurso do departamento de RSC dunha empresa calquera coma Coldplay, agradécense estas figuras magnéticas, que son mainstream, pero non. Que son alternativas, pero tampouco.
Un último apunte. O remix de ‘Girl, so confusing’ con Lorde. Guau. Quero dicir: guau. Resumo rápido para profanos: esta é a canción. O lore detallado está na letra da canción en Genius. E o resumo é que había unha suposta “rivalidade” entre as dúas, instigada tamén por medios e fans en redes. Artistas pop xóvenes que comparar, medir e queimar para axiña incorporar máis carne á picadora. A estrofa de Lorde é momento canónico da música neste 2024. En menos dun minuto aborda a banalidade da fama, o falso das relacións que se constrúen a partir dela, as dúbidas que afronta calquera artista sobre a súa valía, os TCA e a presión estética da industria sobre os corpos das mulleres, todas as violencias que estas sofren dende nenas (“And it's all just self-defence / Until you are building a weapon”), a importancia das amizades e dos entornos de socialización. De todas as frases, a que máis me gusta é esa de
It's you and me on the coin the industry loves to spend
Moitas veces ignoramos o compoñente humano das persoas que fan música. Que viven, sinten e pensan coma nós. Pero con millóns de seguidores pendentes dos seus pasos e, no caso de artistas que coquetean co mainstream, ligadas a unhas empresas cunhas esixencias e unhas prácticas que son de todo menos agradables. Procesar todo ese éxito a idades temperás ten que ser unha tolemia. É basicamente imposible que a Lorde nena de 17 anos que saca Pure Heroine e triunfa en medio mundo con esa colección de cancións siga ca súa vida coma se nada despois diso. Ten que marcarte para a posteridade. E son cambios que tardan en procesarse. Despois do debut chegou Melodrama e pode ser un dos mellores discos pop dos últimos 25 anos, pero o idilio ca crítica rematou en 2021 co Solar Power. Direi que a min non me parece tan nefasto coma se pinta e mesmo ten unha das miñas cancións favoritas dela, pero o consenso nos meses seguintes foi que fora un flop. Alá foi Lorde, morta e sepultada para a música con 25 anos.
Por iso esta reaparición -máis o anuncio de que hai un disco a piques de chegar- no remix me motiva tanto. Porque o fai dende unha perspectiva moito máis autoconsciente, sabedora de que pasou por un momento moi jodido a nivel mental e saíu adiante. Ao mellor o novo álbum é unha castaña pilonga e non hai por onde collelo, pero a tope co que parece que vai ser. De momento súa é a parte máis potente dunha canción xa icónica deste brat. E que tamén desembocou nun sinfín de memes fantásticos, aínda que ningún coma o vídeo de Kyle MacLachlan en TikTok. I ride for you, Charli.
Tiña pensado pechar con outra canción da semana, pero vou fatal de espazo neste post, é xa tardísimo -3 am cando escribo isto, aproximadamente- e, sinceramente, levo un mes TAN enganchado a este disco que me parece ata hipócrita meter nesta sección unha canción que non sexa do brat. Por iso van ser as dúas primeiras persoas que repitan (baixo o mesmo nome artístico, que Kathleen Hanna entrou con Bikini Kill e Le Tigre). Paréceme tamén que ‘Girl, so confusing’ e ‘Track 10’ indo da man nesta lista serven para resumir a viaxe da Nosa Señora Charlotte Emma Aitchison dende as orixes do hyperpop á actualidade (que ben posto está o título de pop 2). Súa é a coroa do pop. Longa vida mentres dure.
E ata aquí. Soltei un ladrillo de post porque levaba con ideas rondando a cabeza dende antes do Primavera e non tivera cando vertelas ata hoxe. Moitos temas e demasiado difusos como para sacar nada en claro, o habitual por aquí, por outra parte. Algunha vez acertarei ca fórmula para contar cousas, aínda que desta non fora. Con sorte rescatades algo que vos interese, descubrides a Charli ou botades unha risa. E, se non, polo menos levades o meu agradecemento sincero por ter lido ata aquí. Azos, apertas e ata a próxima ocasión! Agardo que todo vaia ben ata entón