Boas,
contra todo prognóstico chego aos dous capítulos escribindo neste espazo. En teoría na música o difícil é o segundo disco, cando xa te coñecen e existen expectativas sobre o que vas entregar; mais no meu caso síntome liberado despois de toda a tensión que me xeraba abrir Xanela e da exposición pública que conlevaba. Agora é un tren en marcha no que só teño que subirme e escribir o que me vai pasando pola cabeza.
Insisto en que o plan para esta newsletter é que as publicacións sexan semanais (posiblemente os mércores pola mañá, aínda que isto está por concretar), mais a de hoxe é unha publicación especial para cadrar os ritmos cos contidos que quedaron fóra do primeiro post de presentación.
Moita tela que cortar
Non pretendía que este fose un boletín de noticias ou críticas musicais no sentido estrito de limitarme a comentar feitos de actualidade e xa, aínda que esta semana en concreto hai bastante novidade que me apetece reseñar por aquí.
Ataque Escampe e os sintetizadores. O novo disco, Cabalgata, teno difícil para chegar a impactarme coma o facían hai dez anos, pero é un paso lóxico na evolución do grupo. Máis sintes e menos guitarra, unha producción impecable (a enésima) do Hevi e medios tempos confortables nos que perderse. A escoita merécea.
Wednesday, unha nova obsesión. Hai un par de semanas en Hipersónica, a Biblia dos xordos e verdadeira web de referencia no musical, analizaban o disco dunha banda que non coñecía de nada: os americanos Wednesday. Levan xa uns anos facendo música pero nunca entraran no meu radar. Na crítica definíanos coma “Big Thief pasados por MDMA, con anís del mono, con un toque de hielo y un pizquín de Coca-Cola Zero; rollo indie”. A descrición é tan surrealista como axeitada. Son unha xoia e había moito tempo que non me pegaba tan forte con un grupo novo. Se só ides quedar con algo do que conto aquí, que sexa con eles e con temas coma “Bull Believer”.
Outra teima miña destes últimos días é a californiana Blondshell. De entrada pode parecer o típico disco de ruptura e mala hostia triste con guitarra, pero ten algo que vai cautivando no medio desas letras de autodestrucción. E, sobre todo, ten sinxelos tan tremendos como “Olympus” ou “Sepsis”. Como último apunte, fíxome moita ilusión darme conta de que, sen sabelo, tiña entrada para vela en concerto a ela e tamén aos Wednesday arriba mencionados. Cousas da letra pequena do Primavera, que sempre abrangue máis do que aparenta. En xuño xulgamos en vivo.
Última ronda rápida de novidades: Carlangas sacou disco novo, no que colaboran peña tan diversa como Manu Chao ou Grande Amore, e falou moito e ben del e da separación de Novedades Carminha nesta entrevista en Quincemil. Admito que o disco en si nin fu nin fa. Tamén presentaron un novo adianto do que vai ser o seu futuro traballo a xente de Triángulo de Amor Bizarro e, á falta de dixerilo, paréceme outra marabilla, como todo o que levan facendo os últimos anos. A voz de Isa, as guitarras, a melodía. TODO.
As intelixencias artificiais e os plaxios
Van un par de semanas que atopo por aí contidos alertando do perigosas que son as intelixencias artificiais, tan en boga en tempos recentes, en cuestións de privacidade e tráfico de datos. Hai países que xa están actuando neste sentido e hai pouco saleu a palestra un manifesto de “expertos” pedindo unha pausa de seis meses ás empresas propietarias desta tecnoloxía para que os Estados poidan adaptarse a este novo contexto e regulalas. O caso é que a min o asunto dábame un pouco igual ata que chegaron os memes.
Enable 3rd party cookies or use another browser
Lía non hai moito sobre a preocupación da industria discográfica por posibles plaxios a partir das IA e, sen que tivera tempo a procesalo, chegou a maxia. Se Twitter non estivera dirixido por un autócrata coa peor crise da mediana idade xamais vista podería inserir aquí algúns chíos, pero como non é o caso polo menos pegádelle un ollo a este fío, por favor. De todos xeitos, a realidade sempre supera á ficción (neste caso á imaxinación dunha máquina) e, como mostra das creacións audiovisuais absurdas do mundo actual, o material promocional da película de Super Mario, que inclúe a Jack Black facendo de Bowser tal que así:
Agardando fortemente por que a dobraxe ao castelán inclúa algo parecido a isto.
Os temas serios
No último post compartín bastante publicacións relacionadas coas migracións. Agardo que lle puiderades botar unha ollada á reportaxe de Associated Press sobre o barco con persoas migrantes que aparecera en Trinidade e Tobago. Volvo poñer a ligazón por se acaso. Saco o tema outra vez e insisto con el porque, aparte da súa gravidade, tróuxome a cabeza esta investigación, xa antiga, dun xornal noruegués, á que sempre acabo volvendo como un exemplo do mellor traballo xornalístico. A sinopse é a seguinte: “O último inverno dous corpos foron atopados en Noruega e nos Países Baixos. Vestían traxes de neopreno idénticos. A policía de tres países involucrouse no caso, pero nunca chegaron a identificalos. Esta é a historia de quen eran”.
O relato é magnífico, unha novela negra para ler nunha tarde. Ten o ritmo dun thriller e o feito de saber que todo o que se describe é real fai que impacte máis que calquera texto literario. É unha peza moi longa, de preto de 45 minutos de lectura, está en inglés e non é un asunto demasiado alegre; pero paga a pena de verdade. Non van aparecer na Xanela moitas cousas mellores.
En calquera caso, do que se trata é de denunciar, sexa por este ou outros medios, o drama humanitario das migracións. Somos responsables e debería ser unha prioridade política de primeira orde chegar a unha solución que non pase por externalizar fronteiras a países que non respetan os dereitos humanos e que fan o traballo sucio por nós. Tampouco quero presentar aquí unha visión simplista dun asunto enormemente complexo, pero si recalcar as consecuencias da situación actual, que demanda cambios urxentes.
Unha recomendación máis
Xa comentei antes que este ía ser un post atípico, ideado sobre todo para evitar que o da semana que vén se medira en quilómetros de texto, mais aproveito para ir engordando a lista de Spotify de cancións da Xanela cunha suxerencia nova.
Gata Cattana deixounos en marzo de 2017. Tiña 25 anos e un futuro esplendoroso por diante, sobre todo visto ca perspectiva do petardazo da música urbana en España nos anos seguintes. En marzo deste ano estreouse o documental “Eterna”, que conta a historia da súa vida e que nas próximas semanas chegará dunha vez a Santiago de Compostela para proxectarse en salas.
A obra editada de Gata Cattana non é extensa: varios temas soltos, unha recopilación e un álbum co título Banzai que viu a luz xa de forma póstuma. Con todo, é unha discografía que vai sobrada de carisma e personalidade. Filosofía, feminismo, poesía, existencialismo, activismo, precariedade, política. Fondo e forma van da man en cancións coma ‘Efemérides’, que é a escollida esta semana para esta sección. Pouco máis de tres minutos de lírica desbordante, actitude, citas para a posteridade e unha produción delicada, que sabe enfatizar a potencia da súa voz e da súa mensaxe.
Al menos somos jóvenes, desciframos pirámides
Mírame bien, mis llantos son de todo menos estériles
Lo dejo escrito por si acaso para las efemérides
Con isto marcho. Ata a próxima! Grazas por ler e apertas!