Outra vez veño aquí cun post que me ilusiona de verdade. Hoxe é o segundo día que esta Xanela abre con algo que non só está escrito por min, senón que hai un texto de alguén convidado. Hai uns meses, case un ano, conseguín liar a Alberto para que escribira o primeiro post desta sección sen solución de continuídade que din en chamar Xuntos. Dende unha orixe, esta newsletter foi creada, ademais de como un vehículo a través do que expresarme eu, coma un lugar de encontro, ou canto menos de diálogo, no que poder atopar diferentes visións sobre distintas cousas. Non é sinxelo convencer a ninguén para participar aquí e menos levalo a cabo. En xeral, a xente ten mellores cousas que facer que escribir para min de balde. Non podo ofrecer a visibilidade de algo tan chulo como o que fai Gárgola Digital (repito: a mellor newsletter do mundo mundial) xuntando cada quince días a xente súper interesante dos círculos de Ainhoa Marzol, pero si podo achegarvos un pouco ás persoas coas que teño a sorte de compartir vida. Hoxe é o turno de Adri.
Adrián máis eu cruzámonos por primeira vez hai máis de doce anos nas aulas da facultade de Xornalismo da USC. Dame vertixe escribir a cifra porque cos amigos da carreira sigo a sentir que son xente que está de novo na miña vida, pero o certo é que se aproxima o momento no que terei pasado xunta deles máis anos dos que estiven sen coñecelos. Asusta. O caso é que nos coñecemos a partir de formar un equipo de fútbol sala (DEP Futsalherria, sempre estarás nos nosos corazóns) con xente da carreira e ese acabou sendo o eixo central en torno ao que orbitaron as nosas relacións sociais nos anos seguintes. Paseniño, todas estas persoas pasaron a ocupar un lugar cada vez máis central na miña vida. E, como todo o bo remata, a maioría desta xente (non toda, por sorte), acabou abandonando Compostela nos anos seguintes á carreira e deixando baleiros que nunca se encheron dende entón.
No caso de Adri, despois de varias experiencias profesionais por Galicia adiante, acabou optando pola saída laboral máis común no xornalismo galego: emigrar a Madrid. E por aí anda dende hai xa uns anos. Botei contas o outro día e sorprendeume decatarme de que a nosa leva tanto tempo sendo unha amizade a distancia coma o foi “presencial”, ou polo menos cunha proximidade que permitía verse de forma asidua. Grupos de WhatsApp e algunha interacción en redes substitúen o que antes foron cafés, cervezas e copas (faciamos máis plans ca ir a bares, creo, pero son o espazo de socialización por excelencia neste país, malia todo).
Non me quero extender moito máis. Hoxe o protagonista é el, cun texto escrito e enviado dende un tren Madrid (Casito City)-Galicia. Dime que é máis unha columna de opinión estirada ca unha Xanela no formato propio e habitual desta newsletter. Non vai haber tanto enlace nin tanta recomendación presuntamente cultureta, pero si algunha reflexión aguda acerca de temas de actualidade e a habitual canción con significado de peche. Entendo que é tamén un xeito de pisar terreos menos ríxidos ca nos que ten que aventurarse cada fin de semana.
Non creo que o noso traballo nos defina. É un pouco triste que respondamos a pregunta de que somos co noso oficio, porque creo que como persoas hai mil e unha dimensións de nós máis interesantes ca a que adicamos gran parte do noso tempo para pagar as nosas facturas e ir sobrevivindo.
Pero entendendo que ese é o mundo no que nos tocou estar, Adrián é desas persoas das que falo sempre dende o orgullo e a felicidade por ser consciente de que lle está a ir ben. Moi ben, diría. Fixo e é moitas máis cousas ca esta que destaco e non quero que pareza que veño a vender as virtudes da miña xente coma se foran gando na feira. Coido que os méritos que lle dan a valía que ten na miña vida pertencen á esfera do privado e hoxe non van aparecer aquí (non por que non faga pornografía emocional das miñas cousiñas, pero hoxe o protagonista é el). Mais tamén me fai feliz que nunha profesión desagradecida coma a que escollemos haxa historias de xente que arrisca e que gaña. Nas que, ás veces, a vida tamén é xusta e lle regala as oportunidades a quen loitou por elas e a quen vale. Ás veces, que quede claro que a meritocracia é a excepción e non a norma.
Botamos anos vacilando nel porque o tipo parece que tragou un altofalante de pequeno e sénteselle falar a quilómetros. “Esa voz para la radio bien”, díxolle sarcasticamente o pai doutro colega no seu día. Por falta de amplificación non é, dende logo. Pois ben, esa voz hoxe está á fronte do programa informativo das tardes da fin de semana en Radio Nacional. De Taragoña, do Mesón Barbanza, do Informe Araño, do ascenso en Lestedo, de Xoana Nogueira, do Restollal, de Apolo, do Avante, da Casa do Cabildo, da Casa do Patín, da Chantadina a Prado del Rey.
Agora que aínda é divertido, agora que aínda están (agardo que lendo) os meus amigos déixovos co convidado.
Aquí empeza o de Adri
Esta Xanela prorrogarase obrigatoriamente por prazos anuais ata un mínimo de cinco anos se ningún dos lectores manifesta con catro meses de antelación a súa vontade de eliminala para que non siga colaborando a encher granxas de servidores no Ártico.
Levo todo o día repasando sen chegar a entender completamente a Lei de Arrendamentos Urbanos, porque a inmobiliaria tivo a feliz idea de enviar un correo amistoso para subirnos o alugueiro case un 15 %. Teño fundadas sospeitas de que o están a intentar de xeito amistoso porque a lei non os ampara neste momento para botarnos se non aceptamos. Supoño que o non xa o teñen. Isto é só un exemplo dos tempos que vivimos os que pertencemos a una xeración que se emancipa, de media, aos 30 anos e medio a consecuencia duns alugueiros que están 50 euros por baixo do noso salario medio.
Só o pobo salva ao pobo
A frase do mes. Unha consigna da loita de clases terxiversada para fomentar o capitalismo salvaxe. É outro signo do noso tempo: a estratexia comunicativa para conseguir que as frases deriven no exacto oposto do que significan. A estratexia comunicativa que consegue que extraiamos as conclusións opostas ás que marca o sentido común. Neste caso, o da vivenda: o pobo salva ao pobo cando un grupo de persoas, de xeito desinteresado, se organizan para ofrecer asistencia xurídica ou para frear un desaloxamento ante unha situación de vulnerabilidade. Pero sabemos que non é suficiente. O Estado ten que salvar o pobo. E pode facelo a golpe de BOE, a tímida protección que dá a LAU é un exemplo. Hai que esixirllo. A mágoa é que o último intento de institucionalizar a vontade popular estea a terminar deste xeito.
Falaba de extraer as conclusións opostas. Destapar un agresor misóxino é unha vitoria do feminismo. As riadas que asolan cidades edificadas en zonas inundables son unha consecuencia do negacionismo climático e da especulación. Por que estamos a sufrir que a lección extraída sexa a contraria? Por que sufrimos, entón, un rebrote de machismo antifeminista e por que magufos, falanxistas e nazis capitalizan a indignación?
Hai teorías: a da reacción ao poder é unha. As conquistas feministas interprétanse como un ditado social; o "gobierno más progresista de la historia", como a elite contra a que rebelarse; a ditadura woke do cambio climático. Pero é todo falso: as grandes empresas fan greenwashing mentres apostan polo nada sostible eterno crecemento; a igualdade entre homes e mulleres non é real nin efectiva; España está gobernada maioritariamente polo PP (quince autonomías), a maioría parlamentaria é de dereitas, tamén o son as asociacións xudiciais maioritarias e o poder económico supera o político. Non me fai falta nin dicir que o PSOE non é de esquerdas.
A da desinformación é outra. Educados por Jordi Wild, TheGrefg e diversos evasores fiscales. Apartados da formación crítica en beneficio dos coñecementos prácticos e das saídas laborais. As bases están sentadas.
Pero, ademais, o que pretendía ser unha vía pública virtual, as redes sociais, son un arma de dobre fío. É unha vía privada rexida por unha oligarquía, na que non impera a democracia. Espazo para a proliferación de bulos a través de contas falsas que teñen un dobre obxectivo: que creas a mentira ou que quedes coa percepción de que nada é certo e todo o é ao mesmo tempo. Un estado de ánino que leva á parálise e á antipolítica. O último exemplo disto son as contas falsas de esquerdas, que lles están a servir para neutralizar as ideas dos seus rivais políticos.
E a definición de política é so unha: a xestión do público. Se queremos que o pobo salve ao pobo, debemos participar do público para que cando o necesitemos teñamos sempre unha rede construída entre todos que nos protexa. A rede que nos eduque ante todos estes riscos. A rede que nos cure cando teñamos unha enfermidade grave sen que teñamos que endebedarnos de por vida. A rede que limpe as rúas, constrúa infraestruturas e nos garantice unha vivenda digna. E que todo se pague con impostos que redistribúan a riqueza. Que o Estado salve ao pobo.
A canción da semana
Javi é un melómano, que sona algo como así turbio, pero non. E eu, coa música, levo un tempo encaixado nesa nostalxia que é signo da nosa xeración. A miña teoría é que chegados os 30 e sen descendencia, volvemos ás modas das nosas infancias e idealizamos todo aquel tempo.
(Nota de edición: É unha teoría, pero hai bastantes estudos que explican que realmente o noso cerebro queda pillado co que escoitamos en edades temperás, por se presta lelo -esta nota non era precisa, pero quería ter un bloque máis de texto antes de pegar a lista cas outras cancións da Xanela e así aproveito para comentar o tema este-)
Eu dos 10 aos 12 anos tiven unha época entre punk e anarca, pero se había que chorar co Titanic ou cunha de Amaral, tamén se facía. Así que non recomendo aos Clash nin La Polla Records e quédome con este tema de Amaral a raíz dalgo que levo meditando uns meses: Saír correndo de Twitter (estamos a tempo, aínda non lle empezamos a chamar X).
Hoxe fíxoo o diario La Vanguardia (seguindo o camiño de The Guardian) e creo que é un paso interesante. Que haxa fontes fiables compartindo espazo cun mar de desinformación premiado polo algoritmo, o único que fai é lexitimar ese espazo. Que sexa a plataforma dun millonario de Marvel que a utilizou pra chegar a un posto desde o que desmontar o Estado (o pouco que xa tiñan en USA), é outro motivo máis. Pero, por favor, send memes por outras canles.
(N. de e.: No tempiño que chegou e se editou esta publicación acelerouse o proceso e creo que Twitter entrou nun punto de non retorno con millóns de persoas migrando a outras redes. Haberá tempo de falar máis adiante das alternativas, das implicacións e do futuro de todo isto; pero eu, pola miña parte, hai cousa dun mes que decidín non tuitear nunca máis -susceptible a arroutadas- e nin sequera uso xa a aplicación na que máis vivín os últimos quince anos. Veñen tempos novos, e non necesariamente mellores. Agardo que sigamos a ter espazos nos que compartilos dende a distancia e xente que faga que pague a pena vivilos. Apertas e axiña nos vemos noutra Xanela)