Faime moita ilusión o que teño por diante esta semana. Vou ver á que posiblemente sexa a miña banda favorita da actualidade, Big Thief, en directo. Será a terceira vez, a segunda en menos dun ano, pero ningunha das anteriores me xerou tanta expectación coma a actual. Por que? Porque despois de dous concertos en festivales vai ser a primeira ocasión que teño de desfrutalos en sala, formato que penso que lles presta máis que os grandes aforos, e porque tamén vai ser unha escusa para reunirme con amigos que viven lonxe e que boto de menos no meu día a día.
En certa medida, este post nace como un intento de trasladarlle especificamente a eles o meu cariño por un grupo que, dende que o descubrín, foi medrando ata chegar a ser, con diferencia, o que máis escoito agora mesmo. Por este motivo, o de hoxe vai ser un capítulo especial da Xanela, monotemático en vez de disperso coma de costume.
Too long; didn’t read
Irei disco por disco comentando particularidades, anécdotas miñas ca súa música e tratando de explicar por que Big Thief son unha banda tan importante para min; pero, se tedes dúbidas antes de metervos entre peito e espalda un post extenso sobre o grupo, botádelle antes un ollo a ‘Not’. Todo está aquí.
Catro anos despois, para min segue a ser a cima creativa do grupo e un teito difícil de superar, pero xa falaremos diso máis adiante. Se vos gusta, benvidos a esta viaxe e espero que poidades desfrutala tanto como o fago eu. Se non, vémonos ao final deste boletín, ou no seguinte, cos contidos de sempre.
Masterpiece (2016), un debut apuntando ao ceo
Catro músicos de Berklee xúntanse en Brooklyn e montan un grupo. Podería ser o comezo dun chiste sobre hipsters ou a historia de como comezaron Big Thief. Catro artistas saídos da universidade musical máis prestixiosa dos Estados Unidos que se xuntan poden presaxiar un grupo sobresaínte no técnico e insuficiente no emotivo, virtuosos do experimental e analfabetos de cara ás masas, pero desta vez a aliaxe foi de ouro puro. Xa o seu primeiro traballo, titulado ambiciosamente Masterpiece, senta as bases do que van ser nun futuro: rock alternativo canónico, alternancias de tempos rápidos e lentos, distorsión na súa xusta medida, unhas gotas de folk. Letras elegantes, pero intimistas; todas elas escritas pola sensacional man de Adrianne Lenker, cantante e guitarrista, un dos maiores talentos compositivos desta xeración. Unha personalidade xigantesca e a estrela máis rutilante dunha formación que completan Buck Meek á outra guitarra, Max Oleartchik ao baixo e James Krivchenia na batería.
O videoclip de ‘Masterpiece’ revela as claves do que eran Big Thief nesta primeira etapa: unha banda de amigos, que se divertían tocando xuntos e dándolle forma a cancións, como di o subtítulo deste post, nas que quedar a vivir. Música para saír a carretera, historias do corrente. Non só o sensacional tema homónimo, hoxe xa un clásico da banda e cita ineludible dos seus directos, destaca entre o repertorio dun álbum que inclúe pezas ruidistas coma ‘Real Love’, directas e de corte pop coma ‘Vegas’ ou delicadas e tenras coma ‘Velvet Ring’.
Porén, os dous momentos máis memorables, xunto co tema titular, desde primeiro disco son ‘Paul’, canción máis popular aínda a día de hoxe nas plataformas de streaming, e ‘Parallels’, encargada de pechar o álbum. Esta última debuxa un fermoso crescendo que remata con Lenker recitando a letra coma un mantra. Mentres tanto, ‘Paul’ é unha historia de amor, de perda, de saudade. Tres motivos comúns en toda a traxectoria de Big Thief e que aquí locen coma nunca. Sobre todo, nese retrouso rumoroso que pon a pel de galiña.
Capacity (2017), quen te fixo como es
Masterpiece foi unha boa carta de presentación. Capacity a resposta dun grupo que procuraba a súa identidade entre cancións nas que Adrianne Lenker plasmaba as pegadas que deixaran nela unha infancia e vida adulta tortuosas. Nacida coa súa familia vivindo no seo dunha seita en Indianápolis, con só catro anos fuxía dese fogar deixando atrás un irmán maior dado en adopción por seus pais despois dun embarazo adolescente e que nunca chegou a coñecer. O cambio foi a unha vida itinerante, na que se sucederon ata catorce fogares diferentes antes do seu oitavo aniversario.
Nese camiño, un accidente doméstico estivo a piques de custarlle a vida con só cinco anos, como conta neste disco en ‘Mythological Beauty’, un fantástico exercicio de empatía cara a súa nai (“There is a child inside you / Who’s trying to raise a child in me”), con quen tivo unha complicada relación de nena. O vínculo co seu outro proxenitor tampouco foi modélico, xa que, aínda que ficou con el despois do divorcio de seus pais aos seus doce anos, este intentou aproveitar as ensinanzas musicais que lle legara á súa filla para convertila nunha estrela de pop adolescente sen ser o que esta desexaba. Adrianne non pisou o instituto por estar inmersa neste empresa. Finalmente, terminou deixando atrás esta atmosfera familiar opresiva e entrando con esforzo a Berklee a continuar os seus estudos musicais, mais todos estes eventos marcan a súa traxectoria, e de xeito especial este Capacity.
O segundo disco de Big Thief é, por intres, perturbador en temas coma ‘Watering’, cantada dende o punto de vista dunha muller perseguida por un acosador ao que está disposta a entregarse para intentar salvalo; ou fermoso en ‘Pretty Things’. Aínda así, a tónica común deste traballo é a expiación de Adrianne Lenker en forma de cancións que non chegan a voar ceibes. Outro suceso tráxico protagoniza o, na miña opinión, mellor corte de Capacity, ‘Shark Smile’. Nel, a cantante relata a perda nun accidente de tráfico dunha das súas parellas sentimentais nun relato con certos ecos musicais á obra de Bruce Springsteen.
Non é o traballo do grupo co que máis comulgo nin creo que sexa o de factura máis acertada, pero co tempo acabo volvendo máis a el porque creo que dá conta de moitas das súas particularidades. A maxia de Big Thief está en que non precisan facer cancións redondas, aínda que as teñen, senón que sacan petróleo desas arestas que convirten a súa música en humana, nun fogar.
U.F.O.F. (2019), onde todo comezou para min
U.F.O.F. é un disco peculiar. É o primeiro traballo de Big Thief publicado baixo o paraugas de 4AD, un importante selo de música alternativa, e significa a apertura do grupo a unha variedade de sons máis ampla que a dos dous primeiros álbumes. A fórmula esencial mantense intacta, pero enriqueceron os matices dunha carreira prometedora que, agora, daba o salto ao seguinte nivel con temas coma o que dá nome ao disco e que coqueteaba con estilos e influencias novas. Pinceladas de psicodelia, o dream pop de ‘Open Desert’ ou o slowcore de ‘Jenni’ (non podo parar de pensar que tería sido desta canción se algunha vez se rompera a corda que mantén todo nos seus cabais).
Aquí é cando chego eu a Big Thief. Ata o de entón non entraran no meu radar de novidades musicais, mais seguramente esta reseña de Hipersónica foi a que me serviu para descubrir o que, dende entón, é un dos grupos da miña vida. Ou onde quedar a vivir. A clave diso, aínda que sinxelos tan propios deles coma ‘Cattails’ xa me entraron de bo dente, foi a canción que abre U.F.O.F., titulada ‘Contact’. Son só catro minutos dun tema que amaga con ser a clásica balada delicada da banda, pero que no seu tramo final se transforma cos berros catárticos de Adrianne, que desatan unha explosión instrumental. Un punto de inflexión, por diferente, do feito polo cuarteto ata o de entón e que aínda a día de hoxe vexo coma un dos puntos álxidos da súa traxectoria.
Collen tamén neste disco probaturas con aires máis folk coma ‘Strange’ ou ‘Orange’; revisións da discografía en solitario de Lenker (‘From’, ‘Terminal Paradise’); visitas á vida da vocalista como a perda da súa cadela ‘Betsy’ ou novas voltas aos ingredientes de sempre, entre as que ‘Century’ merece un lugar destacado.
Os temas tamén evolucionan respecto a publicacións previas e, ás letras de perda e nostalxia, engádense reflexións sobre a vida despois da morte ou o sobrenatural, como ese obxecto voador non identificado e amigo que dá título ao traballo.
Two Hands (2019), pode haber vida despois de ‘Not’?
Íntima, universal. Incendiaria, xélida. Calmada, descontrolada. Contida, visceral. Todo. Nada. ‘Not’ é unha contradición constante. A representación dunha vida negando o que a conforma. Unha guitarra que contén todas as verdades universales. Non debo andar moi lonxe de ter visto todo o arquivo de vídeos en directo desta canción que hai subidos a Internet e aínda me faltan por atopar dúas interpretacións idénticas da mesma na forma de afrontala, mais no fondo todas o son. A construcción dunha tensión que se rompe cunha voz crebada, unha guitarra propulsada cara ao infinito e un acompañamento instrumental que realza a emoción do momento. Unha beleza salvaxe e auténtica capaz de rendir aos seus pés a calquera. Inolvidable de presenciar en vivo.
Un tema así, que capitaliza tanto a atención, condiciona en boa medida a recepción que pode ter un disco coma Two Hands, saído case a rebufo de U.F.O.F., no mesmo ano e tan só uns meses despois do xa citado. O propio selo presentou este traballo como unha obra espello, a versión “terrenal” do “celestial” disco anterior. Porén, tamén mostra o incrible estado de forma compositivo do grupo, capaz de fabricar dous discos notables nun mesmo exercicio.
A que precede na orde a ‘Not’, ‘Shoulders’, é unha das mellores composición dos Big Thief, un tema que aborda directamente a problemática da violencia contra as mulleres; unha mostra dun disco que se pon político por momentos en cortes coma ‘My Toy’, o cal fala da fascinación da sociedade americana polas armas, ou a excelente ‘Forgotten Eyes’, unha favorita persoal. Esta canción foi o segundo sinxelo de Two Hands e describe dende unha empatía extrema a grave situación de persoas excluídas pola sociedade coma adictos ou vagabundos.
Malia isto, non deixan de lado o seu carácter intimista e presentan pezas de ourivaría coma a inicial ‘Rock and Sing’ ou o tema que da nome a un álbum no que o peso da obra mestra non eclipsa por completo a facilidade de Big Thief para seguir facturando cancións habitables.
Dragon New Warm Mountain I Believe in You (2022), o compendio de todas as virtudes
Vinte cancións. Unha hora e vinte minutos de música. Gravado a cabalo entre catro puntos diferentes, e distantes, dos Estados Unidos. Do deserto á cidade. Dragon New Warm Mountain I Believe in You (un saúdo non moi agarimoso a quen escolleu o título) non é o disco perfecto, mais si o mellor disco que poden entregar Big Thief para definir quen son. Hai subidas, hai baixadas, hai mil estilos, pero todo sona a eles. Ao que foron, ao que son e ao que queren ser. É unha obra que supura vida por todas partes, o resultado da efervescencia creativa dun grupo que -aseguran- gravou ata cincuenta cancións na elaboración deste traballo. A sensación é que calquera delas podería atopar un espazo nesta monumental produción, na que a forza reside no seu conxunto, en como se relacionan os temas entre si.
‘Change’ abre o álbum e entra directa na antoloxía de Big Thief cunha das mellores letras de Adrianne. De novo a saudade, o paso do tempo, o lidiar ca perda. “Would you live forever, never die / While everything around passes?/ Would you smile forever, never cry / While everything you know passes?”. A produción é mínima, solemne, certeira. ‘Time Escaping’ cambia o rexistro: é máis lixeira, alegre, xoga cas voces agudas e cos sons das cordas. ‘Spud Infinity’ abre novos camiños ca introdución de arreglos electrónicos e con liñas pegañentas coma poucas. Sempre hai algo novo que aprezar en Dragon New Warm Mountain I Believe in You.
Outra das cancións que creo que marcan un dos cumes do disco é ‘Certainty’, un medio tempo clásico da banda, pero que derrete a calquera na forma en que se interpretan versos coma “My certainty is wild, weaving / For you, I am a child, believing”. Podería seguir entrando en detalle canción por canción, ao final non deixan de ser a miña banda sonora deste último ano e pouco, pero non quero que este texto xa de por si extenso se faga eterno.
Hai pezas ás que volvo continuamente, coma esa ‘Little Things’ que entronca coa tradición do grupo dende as súas orixes; unha ‘Wake Me Up To Drive’ de aroma country; ou unha ‘Dried Roses’ que leva meses instalada na miña memoria. Aínda así, poucas destacan por riba do resto coma esa ‘No Reason’ de coros anxelicais na que todo se aliña para crear un éxito atemporal; ou unha ‘Simulation Swarm’ na que Lenker repasa problemas de saúde, rupturas, traumas da infancia ou os seus receos cara ás sociedades modernas.
Hai motivos para ter sempre a man Dragon New Warm Mountain I Believe in You. É unha porta ás singularidades de Big Thief e unha pasaxe a ese lugar cálido que sempre constrúen para nós, que nos acariña e nos acolle sempre que queremos morar nel.
Primavera de 2023: que podemos agardar?
O feito ata o de agora é suficiente para xustificar toda unha traxectoria artística, mais Big Thief seguen a ser unha banda en activo, en plena xira europea do seu último traballo. Tres datas na Península nos tres próximos días: Barcelona o mércores, Valencia o xoves, Madrid o venres. O último álbum estalles a permitir colleitar o éxito do que a pandemia lles privou despois de U.F.O.F. e Two Hands. Sen novas á vista a curto prazo de novo material ou de próximos traballos, si tivemos a oportunidade de desfrutar de novidades con motivo da aparición do grupo no Late Show de Stephen Colbert, onde presentaron en público ‘Vampire Empire’, unha canción xa habitual dos seus directos desta xira e probablemente sacada das extensas xornadas de gravación do Dragon New Warm Mountain I Believe in You. A fórmula non sorprende, está todo o que os fai grandes. As guitarras, as marabillosas letras de Lenker, a elegancia e a emoción. Si dá para reflexionar que, se este é o nivel dos descartes do anterior disco, esta xente xoga noutra liga. A canción non lle envexa nada a calquera das súas predecesoras.
Encantado con poder volver ver a esta xente máis unha vez. Agardo que non sexa a última.
Agradecementos e material adicional
Primeiro de nada quero agradecerlle unha vez máis á xente de Hipersónica que me fixeran chegar a este grupo no seu momento. Podía ter pasado antes e seguramente terminara acontecendo despois, pero foi no momento xusto para engancharme a eles ata o punto no que o estou agora. Tamén na súa web hai dous artigos especiais que paga a pena consultar e que tratan, con bastante máis criterio e documentación, a traxectoria do grupo. En parte, este manual de supervivencia tamén existe grazas a eles. Son estes dous:
Porén, non foi todo o que lin e escoitei preparando este número especial, que quedou máis extenso do que tiña pensado. En Pitchfork repasaron no seu día a traumática infancia e adolescencia de Adrienne Lenker e, en The Ringer, con motivo da publicación de U.F.O.F. dedicáronlle esta coidada peza na que participan todos os compoñentes de Big Thief. E moitas máis cousas: reseñas vellas, especiais noutros medios, entrevistas e publicacións máis recentes. O universo do grupo expándese día tras día e, con el, o recoñecemento dunha banda que xa pisou os principais escenarios de festivais de todo o mundo. Que veñan máis e mellores cousas.
Pecho este número especial da Xanela de novo con ‘Not’, que por motivos evidentes xa longamente documentados é a canción da semana, e con esta actuación recente en directo nun festival holandés. O tema arranca coma sempre, Lenker esquece a letra e prodúcese un momento fermoso e tremendamente humano. Os membros da banda falan entre eles, axudan á vocalista a recompoñerse, comezan de novo e ela corresponde a compañeiros e público cunha interpretación memorable. É das miñas favoritas pola fraxilidade e furia que desprende ao mesmo tempo. Dende a voz que treme ata que atopa de novo o camiño a percorrer á guitarra retorcéndose en chirridos agónicos. “Not to die / Not dying”.
Vémonos para a semana ca volta á normalidade!