Resaca emocional
A forza que te leva, a volta ao cole con Grande Amore, novidades musicais e o máis importante: Visca Sabadell!
Pasa da medianoite. Acabo de chegar ao piso e sentarme a escribir este post. De camiño, no coche, viña pensando en que contar e como. Nese intre, no aleatorio dunha lista con 6.000 e pico cancións comezou a sonar ‘Marquee Moon’ e aproveitei eses dez minutos de viaxe físico e mental para darlle forma na miña cabeza a este capítulo da Xanela.
Vai ser un post bastante musical -síntoo polos afectados-, pero o título xa avisa de que isto vai de canalizar emocións e non sei facelo mellor que expresándoas a través da música que crean outros. Se tivera talento podería ter composto a miña propia e ganar algo de carto con ela, pero non nacín con esa sorte. Tamén vou alterar un pouco a orde habitual dos contidos, pero todo responde ás historias que quero contar.
A forza
Se algunha vez me preguntaran cal é a miña canción favorita volveríame tolo para dicir menos de cen. Pero se me conectaran a un polígrafo e a resposta fora a vida ou morte, tería que dicir ‘La Fuerza’, de Kokoshca. É unha afirmación moi categórica, pero non é unha hipérbole baleira. Van xa once anos nos que me acompaña e nos que segue a medrar como un himno absoluto, como unha pedra contra a que sempre tropezo.
Por non extenderme cos antecedentes: Kokoshca son un dos grupos máis importantes do panorama alternativo en España. Son navarros, teñen unha discografía incriblemente sólida dende hai máis de quince anos e o álbum homónimo de 2021 é case perfecto. Toda cousa boa que poida dicir sobre eles vai ser escasa e só podo animar a mergullarse na súa obra.
Pero eu veño aquí falar de ‘La Fuerza’, a canción do eterno retorno, da borrachera infinita. Apoiándose nunhas guitarras que teño marcadas a ferro na miña memoria, presentan unha historia cotiá a máis non poder. Alcol, amigos, amor. A destrucción dun mesmo nunha festa descontrolada e absurda, a da propia existencia. “Amigos como azucarillos / Que endulzan la noche / Se disuelven después / No los vuelvo a ver / Y danzamos como hienas / En busca de eso / Que tú llamas amor”.
“Y morir como borrachos en cualquier lugar / Y nadie hablará de nosotros más / Y acabar con mis amigos bebiéndome a tragos / Toda mi juventud”. Un día máis. Unha noite máis. Os mesmos sitios, as mesmas hostias. Todo unha vida sucumbindo a esa forza, a esa pulsión tan primitiva, ao subebaixa emocional.
‘La Fuerza’ é a canción perfecta porque tanto te acompaña nos momentos de maior éxtase e euforia como se funde contigo nos pozos da decadencia e a introspección. É unha vella compañeira de viaxe, a narradora dunha vida, a resaca emocional que che entra xa en plena borrachera. Pódeme servir para falar tanto dunha noite con amigos como dos pozos máis fondos dunha depresión.
Teño ganas deste curso que inicia. Non son estudante, pero os ciclos do meu entorno familiar e laboral seguen moi marcados polo calendario que vai de setembro a xuño. Pase o que pase, sei que estou a semanas -ao mellor meses, ao mellor días- do momento máis importante da miña vida e do desenlace de tres anos de tortura. Non sei que porta se vai abrir diante de min, pero si de que vai tocar seguir facendo camiño despois de moito tempo atado de pés e mans.
Entre toda esa incertidume -e bastantes apuros económicos- acho poucas certezas, mais a forza esta aí. A ansia por vivir, por devorar o mundo a bocados, por enterrar sábados e domingos agonizando no sofá, por desfrutar dos meus, por atopar aos que virán. “Y aunque no siempre es divertido / Yo sé que lo haría otra vez”. É a forza.
Para cando remata o coro celestial de Amaia Tirapu (“Y luego me dirás / Que nada más salir / Querías regresar / Esa fuerza te lleva”) a maioría das veces que sona este tema só penso darlle ao botón de repetir.
Igual lle botei moita literatura para contar que saín o finde e que con todo o tema do fin do verán teño bastante resaca emocional. Amigos aos que só vexo de paso, sitios e xente que xa non existen -a Nunoreferencia da semana-, plans que xa non se poden facer, días máis curtos. A mera consciencia do paso do tempo. ‘La Fuerza’ son os berros dunha xeración que non quere, ou non pode, medrar. Ese coming of age que nunca acaba de materializarse. Unha xoia. Unha parte da miña identidade. Non o dixera ata o momento, pero é a canción da semana.
Nunomanía
Son A e son B ao mesmo tempo. A Nunomanía de Schrödinger. Aproveito esta sección para trasladar información de servizo: o día 8 -este venres- sale o último adianto do novo disco de Grande Amore, ‘Ben sabe Dios que o intentei’. O día 14 -xoves da semana que vén-, sale o propio disco, titulado II nun alarde de orixinalidade. O día 22 hai concerto en Compostela na Sala Malatesta e teño por seguro que vai ser apoteósico como o foi o de febreiro de 2022. Sempre me lembro do colega -ola, Quique, sei que les isto de cando en vez- que cando falamos dese bolo insiste en que esa noite brillábanme os ollos de felicidade.
Xa por último, non sei se se pode contar, pero eu doulle para diante que isto lémolo catro gatos: a finais de mes entrevístoo para a Mondo Sonoro. En persoa, se non me cae unha denuncia antes por acosalo. Faime ilusión, porque en 2021 fixemos un especial a dobre páxina cando presentou o primeiro disco -que conseguín colocar como álbum do ano-, pero a entrevista por videochamada, aínda que foi moi distendida, perde un pouco da maxia da conversa. Déixoa debaixo, de todas formas, máis una ligazón por se se ve mal, que ten pinta, e tedes interese en consultala.
Visca Sabadell
Remata o verán e remata en boa medida a tempada de festivais. Aínda quedan cousas, como este finde As Revenidas en Vilaxoán, ou citas aínda máis fóra do meu espectro musical coma o Caudal Fest en Lugo. Tamén hai cousas para valentes como o Castañazo Rock en Chantada a finais do mes de outubro -non lle desexo esas noites de xeada ao meu peor inimigo-, pero, en resumidas contas, está xa o peixe vendido. De plans dese estilo que me dean verdadeiro FOMO só está o Primavera Weekender (Protomartyr, Model/Actriz, Blonde Redhead) de aquí ao ano que vén, pero nin de coña me dá a vida para plantarme en Benidorm en novembro, así que o meu peto vai sufrir menos que nestas semanas.
Nunca pensei que tería envexa da xente que pasa o mes de agosto en Andalucía, pero entre o Canela Party e o Cala Mijas foi onde estivo o punto de referencia da actividade musical nesta última quincena, visita presidencial incluída. Do Canela só podo dicir que, polo que contan, parece o festival de referencia neste momento. Tamaño medido, comodidade para o público, bo ambiente e unha selección musical finísima. Anunciaron xa algúns nomes para 2024 e igual plantarse nesas datas en Torremolinos é unha idea bastante ambiciosa, pero haberá que intentalo. Foi tan chulo o festival que ata volveron as reseñas de eventos a Hipersónica, onde mandaron a Andrés P. Mohorte a escribir esta crónica.
Co Cala Mijas teño bastantes máis reticencias que co Canela. Festival montado a golpe de talonario, importando o modelo da produtora do BBK Live de Bilbao como se fora unha franquicia e con barra libre de crédito para cachés. Decisións non moi sostibles a longo prazo e mesmo nocivas para a industria, pero moi frecuentes entre as administracións de determinada cor política tolas por montar megaeventos. En calquera caso, no cartel había moito nome interesante do panorama internacional (Arcade Fire, Idles, Florence and the Machine, Belle & Sebastian, Arca, Underworld, Amyl and the Sniffers, The Blaze). E estaban os putos The Strokes. Son un grupo con temazos para dar e regalar, pero -na miña opinión personal- tampouco tería pasado nada se se separaran hai vinte anos. Dame bastante pereza toda a escea do rock neoiorquino de principios dos 2000 con esa pose de malotes que buscan disimular que son pijos con apelidos en azul na Wikipedia.
Aínda así, no Primavera Sound deste ano terminei vendo a The Voidz, un dos grupos paralelos do seu cantante, Julian Casablancas. Dúas cancións, porque a música nin fu nin fa e Julian ía prea perdido (mítico momento no que se pon a tirarlle a cana a Rosalía sin vir a nada na metade do concerto). Vese que o de ir coma unha maraca é algo recurrente nel e en Mijas foi máis do mesmo. Nun momento do concerto un rapaz do público decidiu berrarlle -pagaría por estar na cabeza desa persoa nese preciso instante- “Speak Catalan”, ao que Julian respondeu o seguinte (si, está en parte en vídeo): “Visca Sabadell. By the way, I’m half catalan. So fuck this place”. É tan aleatorio que non podo parar de rir. Como grupo os Strokes levan dúas décadas amortizados, pero pegar unha atracada como a que deberon pegar para vir a Andalucía e ofrecer ese show ten os meus respetos.
Carrusel auditivo
Faime moita gracia o vídeo do micho a topísimo ca canción de Chvrches e Robert Smith e xusto foi casualidade que din con el a semana na que a cantante da banda escocesa, Lauren Mayberry, saca o seu primeiro tema en solitario. De non ser así, seguramente non a tería nin reseñado porque ‘Are you awake?’ deixoume moi frío. Supoño que despois de dez anos sen éxito intentando conectar con Chvrches e ca súa xente como o fixen con The Bones of What You Believe (por certo, hai reedición do disco) é hora de pasar páxina para min. Lembro con cariño cando os vin en directo en 2018, iso si.
Esta semana escoitei moitísimas cousas que tiña atrasadas, pero aínda teño que dixerir boa parte delas, así que vai un resumo rápido do estado da arte.
Gustáronme moito: O disco de Genesis Owusu, una mestura bastante tola de sintetizadores agresivos, funk, soul, hip hop e nigromancia con Prince. O elegante álbum de regreso de ANOHNI and the Johnsons, que ademais ten un dos títulos máis suxerentes que vin en tempo con ese My Back Was A Bridge For You To Cross. O último adianto de Slowdive, xa que aínda non lle metín o dente -e morro de ganas- ao disco completo. E, sobre todo, o traballo máis recente de Osees, agora con extra de teclados tolos entre o garage psicodélico máis auténtico.
Atopei cousiñas: Para a miña sorpresa, nun disco de The Hives en 2023. A fórmula é a de sempre: guitarras, estribillos e zapatilla. Pero funciona. No single de Mon Laferte co título de ‘Tenochitlán’. Na canción nova de Kylie Minogue, que pinta a pelotazo. No virtuosismo guitarreiro de Cory Hanson. E no primeiro disco de longa duración de Ashnikko, que repite un pouco as vibras do EP de hai xa dous anos que me molou mil, pero que aínda así ten material para rescatar.
Toda esta colección de nomes non foi o que máis escoitei estes sete días, de todos xeitos. Ando bastante atrapado entre o disco de synthpunk (?) de La Élite e os remixes de Dellafuente condensados nun proxecto chamado Salomon Sessions e que reinterpreta varios temas clásicos do repertorio do artista granadino. Petoume forte a nova iteración de ‘Alomejor’, que me parece do mellor desa colección de versións electrónicas das cancións do Chino, pero tamén me gustou ver como ‘Consentía’ podía ter novas vidas.
Este último que menciono foi un dos temas que me abreu a porta da música urbana en España e que transformou o modo no que entendía a música. Van xa varias semanas nas que quero traer aquí unha pequena exposición do que foi o trap (e todo o que collía baixo esta etiqueta) para a música do Estado e de como a escea foi caducando por si mesma, ca inestimable axuda da industria musical, claro. Pero son tamén varias semanas nas que me dan as tantas da mañá escribindo isto -volve ser tardísimo cando redacto estas liñas- e que se me solapa con outros temas. Caerá, máis pronto ca tarde, seguro. Ata que se cruzou a resaca emocional do finde tiña claro, iso si, que ‘Consentía’ ía ser a canción da semana. A conta dos remixes, volvín bastante a ela -cheguei a queimala e levaba moito tempo sen escoitala- e coido que non envelleceu demasiado mal.
Toda a etapa de Dellafuente con Sony paréceme bastante prescindible, entre colabos metidas con calzador, temas que sonan a piloto automático e, en xeral, unha falta de autenticidade patente dunha figura que baseaba a súa carreira musical no magnético e na suposta pureza do seu traballo. Comprei ese discurso no seu momento e mesmo lembro entrevistalo (foi hai seis anos e medio, son un puto ancián) e que renegara moitísimo de militar en calquera discográfica. Gustoume moito a aventura de Taifa Yallah, que sempre entendín como a realización do seu sono de montar unha banda de “música folclórica atemporal”. Se saír do corsé dos grandes selos nos vai devolver a voracidade creativa dun tipo que sempre me pareceu extremadamente sensible e talentoso levarei unha boa alegría.
Pecho xa. Quedou unha Xanela monotemática do musical. Ata me sorprendeu que non tiña nin moitos memes gardados desta última semana. Supoño que setembro é un mes de reset e que con esta entrega completo o difícil reto de ter publicado en todas as semanas de agosto malia a ausencia total de acontecementos de actualidade que relatar (unha terceira semana adicada ao conflito de Rubiales parecíame esaxerado, aínda que queda tela por cortar). Vai ser un outono trascendental a máis non poder na miña vida, así que seguro que os próximos capítulos veñen con bastante máis carga.
Ímonos lendo mentres tanto. Moitas grazas unha semana máis por chegar ata aquí. Faime moi feliz terlle feito un oco nas miñas rutinas a este espazo, que vai servindo ao seu propósito de axudarme a ordenar a cabeza. Se polo camiño consigo entretervos ou descubrirvos algo do voso interese, mellor para as dúas partes. Azos, apertas e ata a semana que vén!